Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 27 Xullo 2024.

O Galeuscat sindical subliña o compromiso das CCOO coa democracia

    As CCOO de Galicia, Cataluña e Euskadi reuníronse en Bilbao os días 23 e 24 de maio nunha nova edición do Galeuscat sindical. Neste foro, responsables das tres organizacións compartiron impresións sobre cuestións como a formación sindical e o seu impacto en contextos nacionais, retos da comunicación sindical ou as diferentes realidades xuvenís nun país plurinacional.

    24/05/2024.
    No centro, intervención da secretaria xeral de CCOO, Amelia Pérez, canda os seus homólogos de Euskadi e Cataluña

    No centro, intervención da secretaria xeral de CCOO, Amelia Pérez, canda os seus homólogos de Euskadi e Cataluña

    Como colofón a este encontro, asinouse unha declaración en que se ratifica a intención de seguir dinamizando este espazo sindical, que mantén unha relación estable desde 1992.

    A declaración tamén pon en valor o «compromiso» das tres organizacións que forman o Galeuscat de CCOO «en defensa dos valores democráticos máis esenciais», nun contexto en que se abren paso discursos «que alimentan opcións antidemocráticas».

    Neste sentido, as CCOO de Galicia, Cataluña e Euskadi demandan «que se avance con paso firme e urxente» en medidas que contribúan a unha rexeneración democrática «que hoxe se fai máis necesaria ca nunca».

    Ante as inminentes eleccións europeas, que pechan un ciclo electoral estatal, autonómico e municipal, advirten da ameaza de que o resultado destes comicios poida «chegar a cuestionar as bases que sustentaron o proxecto europeo e que alumaron o estado de benestar».

    Asemade, a declaración subliña que ese ciclo electoral «interpela as tres comunidades autonómicas históricas». O resultado foi «moi diferente» en cada unha delas para a conformación dos seus gobernos, condicionadas polo seu propio contexto político. Pero nos tres procesos electorais «evidénciase que o peso dos partidos de ámbito nacional propio é importante e condiciona, de forma evidente en dúas delas, a xestión das Administracións autonómicas, así como a conformación de maiorías no ámbito estatal».

    Este feito «reflicte o carácter plurinacional do Estado español» e a necesidade de que, tanto a sociedade política e civil como os axentes sociais, «fagamos unha lectura correcta para interpretarmos as prioridades da sociedade que representamos e organizamos».

    Fronte a este contexto, o sindicalismo de clase que representa CCOO «mantén a súa vontade de transformación mediante a acción organizada e colectiva, internacional, solidaria e feminista».

    O sindicato traballa para construír unha fronte de «resistencia á ofensiva ideolóxica» que lideran as opcións de dereita e ultradereita. Neste sentido, faise un recoñecemento do labor sindical e da súa vinculación coa democracia, así como do labor das persoas mozas da organización para «contribuír á adaptación sindical, discursiva e organizativa, que constrúa espazos habitables de loita e militancia».