Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 27 Xullo 2024.

CCOO asina as táboas salariais do convenio da limpeza da Coruña, que recollen a suba do 9,8 % esixida polo sindicato

    A Federación de CCOO do Hábitat asinou este martes na Coruña as táboas salariais do convenio provincial da limpeza, que recollen unha suba do 9,8 %, tal como esixía este sindicato. Este incremento salarial, xunto co pagamento dos atrasos correspondentes, deberase facer o máis tardar o vindeiro 31 de xullo, explica CCOO-Hábitat. Delegadas e delegados de Comisións Obreiras congregáronse na praza coruñesa de Luís Seoane para celebraren que, finalmente, o resto de sindicatos e a propia patronal asumisen as teses defendidas por esta organización.

    28/05/2024.
    CCOO consegue asinar o incremento do 9,8% no convenio da limpeza

    CCOO consegue asinar o incremento do 9,8% no convenio da limpeza

    CCOO-Hábitat defendeu en todo momento que, conforme recollía o convenio, os salarios debían revalorizarse para afrontar a suba do ipc e que era a comisión paritaria —composta polos sindicatos e a parte empresarial— a encargada de aprobar as novas táboas salariais.

    Pola contra, os sindicatos UGT e CIG estaban dispostos a ratear en varias anualidades a suba que lles correspondía aos traballadores e traballadoras do sector, unha postura «inaceptable» para CCOO. A presión dos propios delegados e delegadas destes sindicatos —que chegaron a contactar con Comisións— levounos á interposición dun conflito colectivo para intentar xustificar a súa postura.

    Finalmente, e tras presentar Comisións un informe xurídico avalando a potestade da comisión paritaria, chegouse a un acordo para o asinamento das novas táboas, que recollen a revalorización do 9,8 % reivindicada por CCOO.

    Para este sindicato tamén foi «determinante» no cambio de parecer das empresas a campaña informativa iniciada hai varias semanas, con cartas dirixidas aos seus principais clientes nas que se advertía da súa responsabilidade se non se producían os incrementos acordados no convenio.