Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 23 Xullo 2024.

O Sindicato Nacional de CCOO de Galicia lamenta o falecemento do sindicalista ourensán Xosé Gómez

    «Despedimos un dos fundadores da nosa organización, delegado por Ourense naquel primeiro congreso do sindicato en 1978», sinala Amelia Pérez secretaria xeral CCOO-Galicia.

    22/06/2024.
    Despedimos a Xosé Gómez

    Despedimos a Xosé Gómez

    Xosé Gómez Gómez naceu no seo dunha familia campesiña en Moás (Montederramo) o 22 de novembro de 1952. A súa vocación era o Dereito e chegou a matricularse en Madrid mentres facía o servizo militar.

    Na capital do Estado entrou en contacto co movemento estudantil e aos 21 anos, de volta a Galicia, afiliouse ao Partido Comunista, chegando en poucos meses a ser membro do Comité Central. Retomou a carreira de Dereito xa na Universidade de Santiago de Compostela e participou tamén nas diversas revoltas e reivindicacións estudantís, xa como dirixente comunista.

    Comezou a súa vida laboral en Barreiros Ourense (posteriormente chamada Forjas de Galicia). Alí estreitaría lazos con membros das aínda clandestinas Comisións Obreiras, dando o paso a afiliarse e, a partir de entón, dedicar a súa vida á loita pola clase traballadora.

    «O compañeiro Gómez participou en todos os conflitos e mobilizacións da provincia de Ourense no último medio século», subliña Amelia Pérez. O sindicalista ourensán estivo presente nas primeiras folgas nas minas de Penouta, en 1980, pasando polodes mantelamento de Citroën, a gran folga xeral de 1998, entre outras.

    No que respecta á organización, foi delegado no I Congreso Nacional de CCOO de Galicia, chegando a formar parte da Comisión Executiva do Sindicato Nacional, e foi membro de todas as direccións das CCOO de Ourense —foi secretario xeral entre os anos 2000 e 2008— ata a súa xubilación. 

    Pola súa traxectoria de compromiso a prol da clase traballadora, o sindicato e a súa fundación outorgáronlle en 2021 o Premios 10 de Marzo que anualmente conceden.