Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 23 Xullo 2024.

Avanzando na igualdade das persoas LGTBI no traballo

    CCOO asinou hoxe o acordo contra a discriminación das persoas LGTBI+ no ámbito laboral. As empresas con máis de 50 persoas asalariadas estarán obrigadas a aplicar medidas e protocolos contra a violencia e o acoso ás persoas LGTBI+.

    26/06/2024.
    Acordo contra a discriminación das persoas LGTBI+

    Acordo contra a discriminación das persoas LGTBI+

    No ano 2011, o Consello de Dereitos Humanos da ONU aprobou a primeira resolución en que se recoñecen os dereitos do colectivo LGTB e unha declaración formal de condena dos actos de violencia e discriminación en calquera lugar do mundo por razón da orientación sexual e identidade de xénero. 

    O Estatuto de Autonomía de Galicia, no seu artigo 4.2, e a Constitución española no seu artigo 9.2, sentan as bases para promover unha igualdade efectiva entre individuos, ao recoller a obriga que corresponde aos poderes públicos de «promover as condicións para que a liberdade e a igualdade do individuo e dos grupos en que se integra sexan reais e efectivas, eliminar os atrancos que impidan ou dificulten a súa plenitude e facilitar a participación de todos os galegos na vida política, económica, cultural e social».

    A Lei 2/2014, do 14 de abril, pola igualdade de trato e a non discriminación de lesbianas, gais, transexuais, bisexuais e intersexuais en Galicia establece diversas medidas de promoción de igualdade de trato e non discriminación no ámbito laboral.

    Co asinamento hoxe do acordo contra a discriminación das persoas LGTBI no ámbito laboral, desenvólvese o artigo 15 da Lei 4/2023, para a igualdade real e efectiva das persoas trans e para a garantía das persoas LGTBI. A futura norma, pioneira no noso país e no resto de Europa, é froito dun acordo tripartito no seo do Diálogo Social.

    «A futura norma é moi importante porque reforza e fai valer os dereitos de todas as persoas tamén dentro das empresas, pois contribúe a que ninguén sinta medo, sufra acoso LGTBIfóbico en silencio ou renuncie a permisos ou dereitos por medo a visibilizarse», sinala Amelia Pérez, secretaria xeral de CCOO de Galicia.

    Para Pérez, sen ningunha dúbida, «hoxe é un gran día para este país. Un país do que sentirían un orgullo inmenso Eduardo Blanco Amor, o seu amigo Federico García Lorca, Marcela Gracia Ibeas, Elisa Sánchez Loriga e tantas persoas anónimas que sofren acoso LGTBI+». A secretaria xeral engade: «Hoxe gañamos dereitos para as persoas LGTBI+, homes e mulleres que sufriron e sofren unha discriminación histórica, non só no ámbito privado, senón tamén no laboral».

    CCOO é unha organización social lexitimada na mellora das condicións de traballo das persoas LGTBI+. O acordo tripartito asinado por CCOO serve de exemplo a quen, na nosa terra, critica os adiantos que se alcanzan no Estado. Convidamos a estas persoas a incorporarse ao diálogo e seguir traballando para acadar novos dereitos.

    Como recorda Amelia Pérez, «o acordo contra a discriminación das persoas LGTBI+ no ámbito laboral pon de manifesto que, a pesar dos discursos rancios e retrógradas dalgúns, a maioría social está no século XXI e non no pasado. Hoxe por fin avanzamos no cumprimento total do artigo 14 da CE».

    O acordo será obrigatorio para as empresas de máis de 50 persoas traballadoras e voluntaria para o resto, e as medidas incluiranse nos convenios colectivos. Estas abarcarán, polo menos, as seguintes materias: igualdade de trato e non discriminación; acceso ao emprego, clasificación e promoción profesional; formación, sensibilización e linguaxe, revisión dos permisos e beneficios sociais para que estes sexan inclusivos. Tamén se incluirán sancións no réxime disciplinario.

    A futura norma recolle ademais a obriga de incluír, en todos os casos, un protocolo contra o acoso e a violencia no que se articulen mecanismos de actuación fronte a eles.

    Segundo se establece, a constitución da mesa negociadora debe producirse dentro do prazo máximo dos tres meses seguintes á entrada en vigor do real decreto. Será nos convenios de empresa, cando existan, ou no supraempresarial (de non existir convenio de empresa) onde se adoptarán as medidas máis pertinentes, adaptadas á realidade de cada sector e empresa.

    Canle para contactar ou presentar denuncias sobre discriminación por razón de orientación sexual e identidade de xénero, ao Observatorio LGBTIQ+: observatoriolgtbi@xunta.gal