Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 20 Xaneiro 2025.

CCOO insta a Xunta a actuar sobre o mercado de traballo para reducir as diferenzas respecto da media estatal

    Os datos do paro rexistrado do mes de xuño revelan unha nova caída do desemprego e valores históricos de afiliación á Seguridade Social. Porén, unha vez máis, constátase que os datos do mercado de traballo galego están por baixo da media estatal. A secretaria de Emprego de CCOO, Maica Bouza, atribúeo a cuestións como o avellentamento da poboación, a estrutura produtiva ou o carácter periférico da situación xeográfica, e pídelle á Xunta de Galicia políticas que actúen sobre estes factores.

    02/07/2024.
    Un mes máis, CCOO destaca negativamente o menor compromiso do sector empresarial galego co emprego de calidade

    Un mes máis, CCOO destaca negativamente o menor compromiso do sector empresarial galego co emprego de calidade

    Os datos coñecidos hoxe indican que o paro rexistrado se reduciu no último mes en 4098 persoas (–3,36 %), mentres que a afiliación á Seguridade Social, tomando o dato do último día do mes, rexistra unha suba de 9712 afiliados e afiliadas (+0,9 %). Con todo, considerando os datos da afiliación media mensual, sobe en 7579 (+0,7 %).

    CCOO considera positivos os datos publicados, pois reflicten unha baixada do desemprego e un incremento da afiliación, ben que isto responde —como é adoito nesta época— á contratación estival, en particular na hostalaría, sector ao que pertencen catro de cada dez empregos creados tanto no réxime xeral como no de autónomos.

    Non obstante, como se indicou, o ritmo de creación de emprego é «moito máis baixo» en Galicia ca no Estado. Isto provoca que aínda se estean acadando agora valores históricos de paro e de emprego, «achegándonos ao máximo, que foi en xullo do 2008» —1 090 752 empregos»—, cando en España «xa hai ben tempo que se acadaron», sinala Bouza.

    Datos históricos

    En Galicia están no desemprego 48 887 homes (–1949) e 69 051 mulleres (–2149). Malia que o desemprego se segue reducindo en ambos os dous sexos, seis de cada dez persoas paradas son mulleres. Por outra banda, hai 4366 persoas menores de 25 anos inscritas no Servizo Público de Emprego, 239 menos que en maio, e 113 572 maiores desa idade (–3859). Con estas cifras, «o paro segue en mínimos históricos», destaca Maica Bouza: 117 938 persoas desempregadas en Galicia ao finalizar o mes de xuño.

    Por sectores, o paro diminúe en todos eles: no primario hai 147 persoas desempregadas menos, na industria 389, na construción 267 e 3040 menos nos servizos. O colectivo sen emprego anterior cae en 255 persoas.

    Canto á contratación, o mes pasado formalizáronse 66 271 contratos en Galicia (+9,95 %), pero o groso son temporais: 46 430 temporais (+11,89 %) fronte a 19 841 indefinidos (+5,67 %). Deste xeito, «tres de cada dez non teñen data de caducidade», destaca a sindicalista.

    Porén, «un mes máis temos que destacar o menor compromiso do sector empresarial galego co emprego de calidade», lamenta Maica Bouza, pois mentres que en Galicia só 30 de cada 100 contratos son indefinidos, a porcentaxe elévase ao 41 % na media estatal.

    Afiliación á Seguridade Social

    Canto á Seguridade Social, cos datos do último día de mes, a afiliación sobe en 9712 persoas, ata situarse en 1 084 975 afiliados e afiliadas, rexistrando un incremento do 0,9 % respecto do mes anterior. Pola súa parte, a afiliación media mensual aumenta en 7579 persoas (1 084 871 en total), suba que equivale ao 0,7 %. Por réximes, 860 824 corresponden ao xeral, 205 699 ao de autónomos e 18 547 ao réxime especial do mar.

    Nos réximes xeral e agrario, a afiliación media increméntase en 7562 afiliados e afiliadas. Desta cifra, un 36,02 % corresponden á hostalería, un 25,99 % ao comercio, un 17,26 % á Administración pública, un 18,15 % á sanidade e un 16,8 % a actividades administrativas. Pola contra, na educación redúcese en 1989.

    Prestacións por desemprego

    En maio cobraron algún tipo de prestación por desemprego 78 358 persoas: 34 625 prestacións contributivas e 43 733 subsidios.

    En relación cos ERTE do mes de xuño, hai que sinalar que este mecanismo daba cobertura a 745 persoas a final do mes, das cales 576 estaban en ERTE ETOP e 169 en ERTE de forza maior.