Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 9 Outubro 2024.

DECLARACIÓN DO SINDICATO NACIONAL DE COMISIÓNS OBREIRAS POLO DÍA DA PATRIA GALEGA DE 2024

    O Sindicato Nacional de CCOO de Galicia, 45 anos despois do rexistro dos seus primeiros estatutos, reitera nesta data o que diciamos de aquela: a «tarefa esencial» da organización é «a decidida defensa dos intereses de clase de todos os asalariados da nación galega».

    25/07/2024.

    URL | Código para insertar

    Con motivo do Día da Patria Galega, que se conmemora o 25 de Xullo, CCOO de Galicia recorda que a historia demóstranos que os dereitos custa moito conseguilos. Precisamente, este 2024 cúmprense os 45 anos do rexistro dos primeiros estatutos do Sindicato Nacional de CCOO de Galicia. No seu preámbulo declarábase como «tarefa esencial» da organización «a decidida defensa dos intereses de clase de todos os asalariados da nación galega». As persoas que conformamos as CCOO de Galicia somos herdeiras dun pasado de loita contra o franquismo e pola consecución das liberdades que gozamos hoxe.

    Un camiño non exento de grandes sacrificios. Unha traxectoria de compromiso sen a cal non se pode entender a transición da ditadura á democracia hai xa case medio século. Esa premisa é a que naturalmente debe mover un sindicato de clase, válida hai case cincuenta anos e plenamente vixente hoxe, malia que os desafíos sexan diferentes nunha e noutra época.

     Medidas concretas para fortalecer o emprego.

    Malia os bos datos dos últimos meses, a economía galega manifesta problemas estruturais que precisan corrección para que os postos de traballo creados perduren e sexan de calidade. Agora mesmo vivimos un momento doce para o emprego, con numerosas luces sobre distintos aspectos da economía galega, dentro dun contexto favorable tamén a nivel estatal. Pero desde o sindicato levamos tempo advertindo das sombras, eses problemas estruturais que cómpre que a Xunta de Galicia aborde, aproveitando para iso a marxe de autogoberno que dispón.

    Compren medidas que axuden a diversificar o tecido produtivo. Non podemos fiar todo o Turismo e o fenómeno do Xacobeo, e tampouco debemos ir a actividades de baixo valor engadido coas que resulta difícil competir e crear emprego de calidade, estable e con dereitos. Unha economía que compite vía baixos salarios é unha economía pobre e de corto percorrido.

    Apelamos, polo tanto, a que a «escoita activa» que pregoan desde o Goberno da Xunta de Galicia sexa máis que un lema: debe involucrar aos axentes sociais e económicos, comezando polos sindicatos, na procura de solucións para os retos que ten por diante o país. Retos tan variados como o demográfico, a atención á dependencia, a situación da atención primaria, o financiamento das universidades públicas, a chegada de industrias innovadoras, a transición ecolóxica, a transformación dixital, o déficit de infraestruturas ou o traspaso de competencias do Estado á comunidade autónoma, entre outros.

    Ciclo electoral.

    Pechado xa un insólito ciclo electoral, con comicios en todos os niveis —do municipal ao europeo, pasando polo autonómico e o estatal—, é a hora de situar as necesidades das galegas e dos galegos no centro da axenda.

    CCOO, organización profundamente comprometida cos dereitos nacionais de Galicia e coa democracia, viviu con especial intensidade este ciclo. Non só polo que o noso país se xogaba nas diferentes citas coas urnas, senón tamén pola ameaza clara que suporía o ascenso de determinadas opcións políticas que claramente apostan por unha involución en todos os aspectos, tamén no que se refire aos dereitos da clase traballadora.

    Esa ameaza non desapareceu, simplemente se logrou conter, pero no ámbito continental continúa en auxe en numerosos países, como proba o novo Parlamento Europeo, onde a extrema dereita terá máis representación ca nunca.

    Construción Nacional con dereitos.

    O Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia ten reiterado en numerosas ocasións que a construción nacional debe incluír por forza o desenvolvemento de todas as capacidades necesarias para lograr unha sociedade máis igualitaria e xusta. A clase traballadora galega é plural e, polo tanto, diversas son tamén as maneiras de entender e celebrar o 25 de Xullo. Todas elas son igualmente válidas, porque son a expresión dun pobo que, por riba de todo, está orgulloso das súas raíces e rema xunto polo seu futuro.

    Un ano máis, nunha data como o Día da Patria Galega, as nosas reivindicacións están presididas pola denuncia firme da degradación das condicións de traballo, do retroceso no desenvolvemento de Galicia, do empobrecemento progresivo da maioría social deste país, e polo aumento das vítimas da violencia machista e dos accidentes laborais. Apostamos decididamente polos elementos constitutivos do estado do benestar, por manter e ampliar os servizos públicos de calidade como factor de cohesión social e fonte de emprego e pola negociación colectiva e a creación de emprego digno e con dereitos.

    CCOO ofrécelle á clase traballadora galega unha alternativa de obxectivos compartidos, de propostas concretas e a posibilidade de ilusionarnos coa forza que nos dá a unidade; aforza que nos move.

    Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de GALICIA