Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 9 Outubro 2024.

CCOO repróchalle á Xunta que cargue exclusivamente sobre as persoas traballadoras os problemas de absentismo laboral

    O Sindicato Nacional de CCOO de Galicia repróchalle á Xunta que cargue exclusivamente sobre as persoas traballadoras os problemas de absentismo laboral e anuncie a través dos medios de comunicación un plan para abordar este fenómeno a partir do mes de setembro. Comisións Obreiras rexeita as formas en que o Goberno galego quere tratar unha cuestión de tanta relevancia. Nas explicacións ofrecidas o único que fai é culpabilizar as persoas traballadoras, malia que un dos problemas é o comportamento das mutuas que de xeito sistemático derivan patoloxías profesionais á sanidade pública.

    06/08/2024.
    Trastorno músculo-esquelético

    Trastorno músculo-esquelético

    Segundo trasladou a Xunta de Galicia aos medios de comunicación —ata o momento non se dirixiu directamente ao sindicato—, durante dous meses realizou un estudo, chegando á conclusión de que só o 60 % das baixas médicas estaban xustificadas. Noutras palabras, insinúase que catro de cada dez non o estarían.

    Na mesma argumentación detállase que case a metade das persoas que deixaron de estar en situación de incapacidade temporal (IT) foi tras recibiren unha cita médica. Disto dedúcese que a meirande parte do problema está causado pola falta de persoal no Servizo Galego de Saúde (Sergas), de aí o problema das elevadas cifras das listas de espera —atención primaria, intervencións, especialidades—, denunciada por CCOO e outras organizacións desde hai anos. Por outra banda, que esas persoas traballadoras deixasen de estar de IT non significa necesariamente a doenza que provocou a baixa fose tratada axeitadamente, especialmente nos casos de orixe psicosocial.

    Abordar a sinistralidade laboral

    CCOO aplaude que a Xunta amose preocupación polas incapacidades temporais, pero rexeita que, ao mesmo tempo, non aborde con intensidade unha problemática aínda maior, como son os accidentes de traballo: Galicia foi o ano pasado a sexta comunidade autónoma con máis sinistros laborais en proporción ao número de persoas traballadoras e quinta con máis vítimas mortais pola mesma razón.

    Para tratar este problema como se require, a Xunta de Galicia debería formulalo no seo do diálogo social, con participación dos sindicatos e da patronal, de maneira que se poida coñecer a información de que dispón a Administración e realizar propostas fundamentadas. Por esta razón, CCOO exhorta o conselleiro de Traballo, José González, a pronunciarse e a convocar os axentes sociais á maior brevidade.

    Polo de agora, a única proposta que fixo público o Goberno galego é a creación de «unidades especializadas», de cuxa composición e funcionamento non se aclara se será mediante ofertas públicas de emprego que aumenten o cadro de persoal do Sergas ou se, pola contra, se detraerán recursos humanos doutros servizos sanitarios que xa están ao límite.

    CCOO solicitará o estudo

    Por último, o Sindicato Nacional de CCOO de Galicia anuncia que nos próximos días lle solicitará á Xunta de Galicia o estudo en que baseou este anuncio, ao abeiro do disposto na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.