Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 9 Outubro 2024.

CCOO mobilízase en Santiago contra Decathlon, condenada pola Audiencia Nacional por prácticas antisindicais

    Comisións Obreiras (CCOO) denuncia as «actitudes antisindicais» de Decathlon, empresa recentemente condenada pola Audiencia Nacional por vulnerar os dereitos das delegadas e delegados sindicais. Este luns, 12 de agosto, houbo unha concentración diante da tenda que a compañía ten no polígono de Costa Vella (Santiago de Compostela).

    12/08/2024.
    Concentración diante da tenda de Decathlon de Santiago de Compostela

    Concentración diante da tenda de Decathlon de Santiago de Compostela

    O pasado mes de xuño, a Audiencia Nacional deulle a razón a CCOO mediante unha sentenza en que aprecia a «evidente mala fe» de Decathlon España e estimou que a «vontade» da empresa é «contraria […] a respectar os dereitos dos seus delegados sindicais». O tribunal impúxolle á empresa unha multa de 3000 euros así como unha indemnización ao sindicato doutros 30 000 por danos e prexuízos.

    Tentativa de intimidar a CCOO

    Malia este precedente, Decathlon España continúa reincidindo nestas prácticas, neste caso interferindo nas eleccións sindicais do centro de traballo de Costa Vella, en Santiago de Compostela, mediante a comunicación de sancións e despedimentos para «tentar intimidar as persoas que se presentan polas nosas candidaturas».

    Coa protesta deste luns, que tivo lugar entre as 12 e as 13 horas, CCOO quere denunciar publicamente a situación e esixir que a empresa cese na súa actitude.