Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 9 Outubro 2024.

O persoal da Seguridade Social mobilizarase en setembro en defensa dos seus dereitos

    Os sindicatos CCOO, CSIF, CIG e ELA anuncian mobilizacións na Seguridade Social a partir do 13 de setembro se o Goberno central se nega a cumprir os acordos asinados hai máis dun ano, en maio do 2023.

    14/08/2024.
    Oficina do INSS na Coruña

    Oficina do INSS na Coruña

    O dito acordo, á súa vez, é a prórroga doutro —tamén incumprido— do 2018 polo que se establecen as condicións iniciais para a execución dun plan estratéxico de recursos humanos na Administración da Seguridade Social.

    CSIF, CCOO, CIG e ELA, que representan case sete de cada dez empregadas e empregados públicos na Administración xeral do Estado, denuncian as «difíciles condicións» en que o persoal laboral e funcionario desenvolve o seu traballo na Seguridade Social, como o aumento das cargas de traballo ou as dificultades por constantes cambios normativos e evolución da xestión telemática e organizativa.

    As principais esixencias sindicais teñen a ver coa xestión dos recursos humanos, a revisión do modelo de produtividades, a provisión de prazas, o traballo voluntario a distancia, a revisión de complementos e retribucións específicas vinculadas ao posto e a estabilidade no emprego.

    Asemade, os sindicatos seguen esixindo o cumprimento do resto de materias recollidas no acordo do 2023: revisión en profundidade da circular de acción social, recuperación do proxecto de escola de formación, creación dos comités provinciais de seguridade e saúden, convocatoria do grupo de traballo de responsabilidade social, plans de igualdade e revisión de protocolos de actuación, e demandas do persoal alleo ao convenio no ámbito sanitario dependente do Instituto Social da Mariña e do IMSERSO.