Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 9 Outubro 2024.

CCOO lamenta dúas novas mortes en accidente de traballo e remarca a importancia da prevención de riscos

    O Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia lamenta dúas novas mortes en accidente de traballo na comunidade autónoma: hoxe, mércores, en Pontevedra, e o martes en Santiago de Compostela. Sen prexuízo do que determinen as respectivas investigacións, CCOO lembra a importancia da prevención de riscos laborais nas empresas de calquera tipo e tamaño, así como as obrigas por parte dos empresarios canto á adopción de medidas destinadas a garantir a seguridade e a saúde das persoas traballadoras.

    14/08/2024.
    Non máis mortes no traballo

    Non máis mortes no traballo

    Dáse a circunstancia, ademais, de que estes dous sinistros fatais foron por caídas en altura, un risco do cal xa alertaba o último informe presentado por CCOO, o pasado mes de abril. Este estudo, que analiza a sinistralidade laboral Galicia no 2023, sitúa as caídas e os atrapamentos como a terceira causa máis frecuente de morte por accidente de traballo.

    Dado que estes datos tamén son coñecidos pola Xunta de Galicia —a través do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral—, CCOO esíxelle á Administración autonómica que poña máis medios para garantir o eficaz cumprimento da normativa laboral nas empresas, intensificando as inspeccións e o labor de información, especialmente naquelas actividades que concentran o maior risco.

    Por último, CCOO lembra que está a disposición de todas as persoas traballadoras para informalas sobre os dereitos que as asisten, tamén en materia de protección da seguridade e a saúde laboral.