Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 9 Outubro 2024.

O persoal do Decathlon de Santiago aumenta o seu apoio a CCOO malia os obstáculos impostos pola empresa

    A sección sindical de CCOO-Servizos na tenda de Decathlon en Santiago de Compostela salienta o apoio recibido nas últimas eleccións sindicais. Isto, malia os «obstáculos que a nosa candidatura tivo que afrontar» por parte da empresa en forma de sancións e despedimentos «de varios dos nosos candidatos e candidatas».

    30/08/2024.
    Concentración diante da tenda de Decathlon de Santiago de Compostela

    Concentración diante da tenda de Decathlon de Santiago de Compostela

    A pesar da situación adversa, CCOO-Servizos conseguiu formar candidatura no colexio de especialistas, onde foi o sindicato máis votado (32) e logrou dous representantes, a só tres sufraxios do terceiro. Pola súa banda, a candidatura de SGICD, con moito menos apoio (22), tivo tamén dous representantes.

    Xa no colexio de técnicos, os seis votos que recibiu SGICD servíronlle para obter o delegado correspondente.

    Malia que no cómputo global SGICD ten 3 delegados e CCOO dous, dáse a circunstancia de que en número total Comisións Obreiras logrou máis apoio (32 votos fronte a 28), o que proba «o apoio da maioría de traballadores e traballadoras do centro ao noso traballo».

    CCOO seguirá traballando «con firmeza» para garantir a protección e mellora das condicións laborais de todas as persoas traballadoras no Decathlon Santiago e agradece «profundamente» o apoio recibido.