Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 6 Xullo 2025.

28 de setembro - Día de acción global polo aborto legal, seguro e accesible

    Este ano, co gallo do día de reivindicación polo dereito ao aborto libre e seguro, as CCOO de Galicia tamén traemos a reivindicación Confederal ao noso territorio e esixímoslle ao Goberno da Comunidade Autónoma que respecte os dereitos das mulleres galegas coa aplicación escrupulosa da lei vixente: Lei orgánica 1/2023, de 28 de febreiro, pola que se modifica a Lei orgánica 2/2010, de 3 de marzo, de saúde sexual e reprodutiva e da interrupción voluntaria do embarazo.

    26/09/2024.
    A miña voz, a miña decisión

    A miña voz, a miña decisión

    Esta lei orgánica garante que todas as mulleres poidamos decidir sobre os nosos corpos con autonomía e información, en especial respectando o noso dereito ao aborto libre, gratuíto e na sanidade pública.

    Porén, as estatísticas amosan que aínda máis do 80 % das interrupcións voluntarias do embarazo se practican nas marxes da seguridade social, a pesar de que a lei orgánica recolle claramente que todas as persoas que, cumprindo os prazos establecidos, necesiten realizar un aborto, deben ter acceso a el a través da asistencia sanitaria polo sistema público de saúde, entendendo que se trata dun dereito fundamental a decidir sobre o propio corpo.

    Trátase dun dereito fundamental para a igualdade entre mulleres e homes. Só a través do dereito á saúde e á saúde reprodutiva e sexual acadaremos unha democracia plena.

    No eido da acción global, CCOO apoia a iniciativa social cidadá europea: A miña voz, a miña decisión, que recolle sinaturas en Europa para instar a Comisión a pór en marcha unha normativa que lles exixa a todos os Estados membros o acceso seguro e gratuíto ao aborto para todas as mulleres europeas.

    Así que, coma todos os anos, este 28 de setembro, as CCOO animamos a sociedade galega a unirse aos actos organizados polo movemento feminista en todo o Estado, ao tempo que alzamos a voz na nosa demanda.

    Por un dereito ao aborto efectivoe en condicións de igualdade para todas as mulleres!