Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 9 Novembro 2024.

CCOO esíxelle á Xunta de Galicia que aplique a Lei de vivenda e utilice as competencias autonómicas para ofrecer solucións

    O Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia (CCOO) esíxelle á Xunta que aplique a lei de vivenda estatal e utilice as competencias autonómicas para ofrecer solucións ante a que leva meses sendo a principal preocupación social. Dado o «grave problema» existente, o sindicato coida que non se vai solucionar unicamente pola vía de construír máis, xa que iso podería axudar a varios anos vista. «O problema témolo hoxe, as persoas que precisan unha vivenda digna non poden agardar catro anos», sinala Maica Bouza, secretaria de Política Social de CCOO.

    15/10/2024.
    Nos últimos anos aumentaron as dificultades para acceder a unha vivenda digna

    Nos últimos anos aumentaron as dificultades para acceder a unha vivenda digna

    O sindicato, que no ámbito estatal apoiou as mobilizacións da pasada fin de semana en Madrid, reitera que «a vivenda é un dereito, non un negocio». Tamén lamenta o «desleixo» dos poderes públicos á hora de procurar solucións ante un problema que non fai máis que agravarse desde a pandemia, con constantes «subas desmedidas» dos prezos do alugueiro.

    Segundo datos do ano 2023, unha persoa que viva en Galicia destina o 27 % dos seus ingresos á vivenda, o que supón dez puntos máis do que dedica á alimentación. «Esta é a constatación máis clara de que estamos diante dun problema que non é individual, senón social», subliña Maica Bouza.

    Todo isto, nun contexto de incremento sostido das vivendas turísticas na comunidade autónoma. Entre agosto do 2020 —primeiro período con estatísticas— e febreiro do 2024 aumentou un 42,5 % o número de inmobles con esta finalidade.

    Precisamente, o número de vivendas turísticas e baleiras equivalen ao 30 % do parque total de vivendas. En concreto, hai 506 370 baleiras e 17 883 de uso turístico. Ao tempo, desde que o PP goberna en Galicia, só se construíron 7651 vivendas protexidas, das cales a «pírrica» cifra de 14 corresponde ao 2023, censura Bouza.

    Con esta situación, o acceso a unha vivenda, «xa non digamos que sexa ‘digna’», converteuse nunha «auténtica quimera» para cada vez máis capas da sociedade galega e española, «que observan con preocupación como se converteu nun factor determinante para o aumento da pobreza», lamenta a sindicalista.

    En opinión da secretaria de Política Social de CCOO, a lei estatal de vivenda pon na man da Xunta «poderosas ferramentas» como a capacidade de declarar zonas tensionadas, algo que o Goberno galego xa anunciou que non ten previsto facer de oficio.

    Pero ademais, «tampouco utiliza os instrumentos de que dispón», critica a voceira de CCOO, como o incumprimento da reserva do 40 % do solo urbanizable para destinalo a vivenda protexida ou destinar ao alugueiro un mínimo do 50 % da reserva de vivenda protexida.

    Tal como lle fixo chegar ao conselleiro de Facenda o pasado venres, na reunión de presentación dos orzamentos, o sindicato coida que a vivenda debe ser unha liña de actuación prioritaria e agarda que a Xunta «reaccione e rectifique», impulsando as medidas necesarias para «aplicar unha lexislación que lle permita á xente ter un proxecto de vida ao redor dun fogar», conclúe Maica Bouza.