Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 14 Xuño 2025.

CCOO ve «luces e sombras» nuns datos da EPA «marcados pola estacionalidade» e pide usar ben os orzamentos autonómicos

    A Enquisa de Poboación Activa (EPA) do terceiro trimestre de 2024, publicada hoxe, reflicte uns datos de emprego e paro positivos para Galicia, «como adoita acontecer neste período do ano», apunta a secretaria de Emprego de CCOO, Maica Bouza. Segundo a EPA, hai 1 159 400 persoas ocupadas (23 800 máis que hai tres meses), e 112 500 persoas desempregadas (7300 menos). En relación co mesmo período do ano anterior, en Galicia hai 16 100 persoas ocupadas máis e o paro redúcese e 6200 persoas.

    25/10/2024.
    Valoración de CCOO sobre os datos da última EPA

    Valoración de CCOO sobre os datos da última EPA

    O balance do mercado laboral nestes tres meses «ten luces e sombras», matiza a sindicalista. No lado positivo, todo o emprego que se crea é a xornada completa, mentres que o de xornada parcial se reduce e créase emprego en todos os sectores (agás na construción), destacando a industria manufactureira, as actividades profesionais, recreativas, de información e transporte. O lado negativo é que medra máis o emprego temporal que o indefinido.

    Malia que o ritmo de creación de emprego e de redución do paro é mellor en Galicia que no resto do Estado, a taxa de actividade galega segue máis de cinco puntos por debaixo da estatal e hai seis comunidades autónomas onde se crea máis emprego que en Galicia, advirte Bouza.

    En resumo, trátase duns «datos estacionais», polo que CCOO ve necesario agardar a coñecer en que situación pecha o ano. Non obstante, as cifras reveladas pola EPA constatan que a converxencia de Galicia con España «é demasiado lenta»; por esta razón, o sindicato aposta por «usar ben» os orzamentos autonómicos coa ollada posta en «acelerala».

    Ademais, coida necesario un compromiso de empresas, Administración e axentes sociais para cumprir reforma laboral e reducir a crecente temporalidade.

    Análise dos datos

    A EPA do terceiro trimestre do ano en Galicia reflicte a creación de 23 800 empregos e a redución do desemprego en 7300 persoas. O emprego medra en Galicia nun 2,1 %, mentres que no Estado faino nun 0,6 %. Pola contra, o desemprego cae en Galicia un 6,1 % e no Estado un 0,04 % respecto do trimestre anterior. Hai seis comunidades autónomas onde o emprego medra máis que en Galicia.

    O desemprego masculino diminúe en 2100 persoas, ao tempo que o feminino faino en 5100. De cada cen persoas en desemprego, 50 son mulleres. Paralelamente, a ocupación masculina aumenta en 6700 fronte a 15 100 na feminina; con todo, de cada cen persoas con emprego, 48 son mulleres. O emprego que se crea é a xornada completa (+34 400) e diminúe a xornada parcial (–10 600). Deste xeito, a taxa de parcialidade sitúase no 12,4 %.

    Créase emprego en todos os sectores, agás na construción: nos servizos hai 9000 persoas ocupadas máis, 3200 no sector primario e 1210 na industria; pola contra, na construción pérdense 400 empregos. Na desagregación por ramas de actividades, a maior creación de emprego prodúcese na industria manufactureira (+10 100 empregos máis), nas actividades profesionais (+5600), nas recreativas (+4600), nas de información (+4200) e na agricultura e gandaría (+4200). No extremo contrario, a maior destrución de emprego dáse na hostalaría (–1600), seguida das actividades técnicas (–1500).

    O saldo do emprego asalariado neste trimestre é de 25 800 persoas ocupadas máis, resultado do aumento de 1300 empregos indefinidos e de 24 500 temporais. Créanse 6000 empregos asalariados no sector público e 19 800 no sector privado. No sector público, o emprego indefinido mingua en 1000 ocupacións e o temporal sobe en 7000. Mentres, no privado créanse 17 500 empregos temporais e 2300 indefinidos.

    Situación dos fogares

    Segundo a EPA, hai 38 600 fogares con todas as persoas en desemprego (un 10,8 % menos que no trimestre precedente) e 23 500 onde non entra ingreso ningún (–2,9 %). Por outra banda, a taxa de actividade sitúase no 53,6 %, cinco décimas menos que hai tres meses, pero cinco por baixo da estatal.