Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 9 Novembro 2024.

CCOO, CIG, CUT e UGT denuncian o «nulo talante negociador» do director xeral da CRTVG

    CCOO, CIG, CUT e UGT denuncian o «nulo talante negociador» do director xeral da CRTVG. Mediante un escrito remitido o mércores, Alfonso Sánchez Izquierdo confirma a súa negativa a reunirse cos máximos responsables das catro organizacións.

    31/10/2024.
    O comité intercentros chama a liberar e democratizar a CRTVG

    O comité intercentros chama a liberar e democratizar a CRTVG

    A secretaria xeral de CCOO, Amelia Pérez, e os seus homólogos de CIG, CUT e UGT (Paulo Carril, Ricardo Castro e José Antonio Gómez, respectivamente) solicitaran esa reunión o pasado 22 de outubro para abordar a situación de conflitividade que atravesan na actualidade os medios públicos de comunicación por mor da convocatoria de folga.

    Na súa resposta, o director xeral da CRTVG sostén que a decisión de eliminar o veterano espazo televisivo A Revista —realizado totalmente por persoal da empresa pública— e substituílo por O Termómetro —unha coprodución— está motivada «en razóns puramente organizativas, de produción e estratéxicas».

    Segundo o máximo responsable da Corporación pública, a folga convocada «só ten o obxectivo de crear un impacto negativo na rendibilidade da empresa, sen traducirse nunha mellora concreta para o persoal».

    Desde os sindicatos rexéitase esa visión, toda vez que «a privatización da produción dos contidos audiovisuais dos medios públicos galegos afecta negativamente ao volume do emprego público», que xa padece unha mingua «moi significativa» desde que Sánchez Izquierdo tomou o mando. Ao tempo, «precariza as condicións laborais das persoas traballadoras encargadas de producilos».

    Por outra banda, a externalización dos espazos informativos «afecta a funcións relacionadas cos dereitos fundamentais a comunicar e recibir libremente información veraz», indicen os catro secretarios xerais.

    Daquela, a xestión externalizada do servizo público «supón que as persoas traballadoras encargadas de elaborar os contidos informativos deixan de ter a consideración de empregados ou empregadas públicas, coa conseguinte desafección das obrigas legais impostas a estes últimos en relación coa defensa do interese xeral e co deber de actuar consonte aos principios éticos e de conduta regulados no Estatuto Básico do Empregado Público».

    Neste contexto, a negativa de Sánchez Izquierdo a reunirse con Amelia Pérez, Paulo Carril, Ricardo Castro e José Antonio Gómez «demostra o seu nulo talante negociador» nun conflito xerado por unha xestión empresarial que procura «apuntalar a manipulación informativa, a privatización da produción e o desmantelamento do servizo público de comunicación audiovisual».

    Por todo isto, desde os catro sindicatos fan un chamamento «á responsabilidade» do director xeral para chegar a unha solución negociada a este conflito.