Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 26 Abril 2025.

A Dirección da Autoridade Portuaria de Marín e Ría de Pontevedra (APMRP) incapaz de solucionar a problemática de xestión laboral.

    O elevado índice de absentismo da APMRP chegou ao extremo de provocar un caos administrativo e laboral, que empeora cada día ante a inacción do Director e do Presidente da APMRP, máximos dirixentes deste organismo público.

    01/11/2024.
    Protesta do persoal traballador da APMRP. (arquivo)

    Protesta do persoal traballador da APMRP. (arquivo)

    Nos dous últimos meses as incapacidades temporais do persoal incrementáronse substancialmente afectando tamén ás dúas persoas encargadas da xestión de recursos humanos. Esta situación provoca unha paralización da xestión ordinaria (contratación, nóminas, seguros sociais, etc…).

    Na sesión do Consello de Administración celebrada esta semana, a delegada de CCOO, vogal en representación das organizacións sindicais, puxo de manifesto a gravidade da situación xerada ao non afrontar o problema coa contratación inmediata dunha asesoría laboral ou asistencia externa.

    A Dirección, o único que fai esta semana, é comunicarlle ao Comité de Empresa que procederían a duplicar as nóminas do mes setembro para abonar o mes de outubro. Esta decisión, sumada á falta de xestión, derivou nun caos que pode carrexar prexuízos de difícil reparación e mesmo sancións. Os traballadores trasladaron a estas vocal irregularidades como nóminas erróneas por exceso ou por defecto, liquidacións e contratacións irregulares, falta de trámites obrigatorios coa Seguridade Social (xubilacións parciais, baixas por IT, etc…), ademais doutras incidencias de menor gravidade.

    A vocal representante das organizacións sindicais denunciou ante o Consello de Administración a lenta e deficiente xestión por parte do director, Miguel Ángel Navarro Veroz, e do Presidente, José Benito Suárez Costa, ante unha situación derivada de carencias organizativas que a parte social leva tempo denunciando. Así mesmo, solicitou a asunción de medidas urxentes como poden ser a petición de intervención de Portos do Estado ou a Consellería do Mar e, como medida máis efectiva e inmediata, a contratación dun servizo de asesoría laboral ou asistencia externa, que estea ao dispor da Autoridade Portuaria para liquidar esta situación e daqueles traballadores que, con motivo das xestións erróneas, poidan verse na necesidade de recorrer a asesoramento de forma individual.