Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 26 Abril 2025.

CCOO e UGT reiteran a dor pola perda de vidas humanas e a maior solidariedade e preocupación polos danos ocasionados

    03/11/2024.
    DANA Valencia 2024

    DANA Valencia 2024

    UGT e CCOO reiteran a dor pola perda de vidas humanas, que alcanza niveis insoportables, e a maior solidariedade e preocupación polos danos ocasionados en vivendas, infraestruturas e equipamentos. Esta catástrofe golpeou duramente en zonas onde vive e traballa maioritariamente poboación traballadora, que está afrontando momentos de extrema dureza.

    Nestes momentos de desolación, CCOO e UGT instamos as institucións públicas a que mobilicen todos os recursos necesarios para as tarefas de rescate e emerxencia. É urxente restablecer o acceso a alimentos, auga, enerxía e servizos básicos, e responder ao impacto sociolaboral e económico que sofren todas as áreas afectadas. A situación é crítica, con moitas persoas aínda desaparecidas, e a prioridade inmediata debe ser localizar e recuperar corpos que permanecen atrapados en coches, sotos e mesmo vivendas. O risco dun grave problema de saúde pública ameaza con engadir máis sufrimento ao xa tráxico saldo de vidas perdidas.

    Sen prexuízo das responsabilidades que corresponden a cada nivel da Administración, neste momento a prioridade é xuntar todos os esforzos para atender a emerxencia de rescate das vítimas, recuperar os corpos das persoas falecidas, restablecer as subministracións a toda a poboación afectada e garantir o acceso ás vivendas en condicións de seguridade ou prover de aloxamentos alternativos mentres se restablece a posibilidade de acceso aos seus domicilios de todas as persoas que non poden facelo neste momento.

    UGT e CCOO póñense ao dispor das autoridades responsables de coordinar as operacións de axuda e apoio para o restablecemento máis temperán posible das condicións básicas de vida nas zonas afectadas.

    Cómpre cobertura pública con todos os medios dispoñibles e necesarios, para o que é de utilidade a declaración de zona afectada gravemente que anunciou o Goberno de España ao abeiro da Lei 17/2015 do Sistema Nacional de Protección Civil. Esta lexislación extraordinaria tamén permite activar decontado as axudas económicas por danos persoais, na vivenda habitual e bens de primeira necesidade, medidas fiscais, laborais e de Seguridade Social. Todo iso, coa celeridade e axilidade administrativa esencial nestes momentos.

    Tamén é imprescindible atender a perda de renda de moitas persoas afectadas; propoñemos que se complemente a prestación pública para reducir ao máximo o impacto económico desta situación, xunto con moratorias e readaptacións no pago da débeda hipotecaria que afrontan numerosas familias.

    As repercusións laborais e nas condicións de vida da poboación traballadora son evidentes. Esiximos a reactivación do escudo social, que demostrou ser efectivo durante a pandemia e que agora resulta imprescindible. Neste sentido, demandamos a aprobación urxente dun real decreto lei que aplique, entre outras, as seguintes medidas extraordinarias:

    1. Aplicación dos ERTE por forza maior, sen consumo de prestacións de desemprego, para protexer o emprego e permitir unha recuperación gradual das empresas, utilizando as figuras pactadas na reforma laboral e cunha visión extensiva e garantista que cubra a afectación indirecta.

    2. Protección extraordinaria por desemprego para traballadoras e traballadores asalariados e autónomos que non poidan retomar as súas actividades debido á catástrofe.

    3. Evitar a extinción de contratos temporais e protexer a quen ten contratos fixos descontinuos.

    4. Permitir o teletraballo onde sexa posible e evitar os riscos de desprazamento inseguro para acudir ao traballo mentres se restablecen as infraestruturas.

    5. Crear un programa similar ao MECUIDA, que permita a adaptación ou redución de xornada laboral para atender as necesidades familiares e de coidado nestas circunstancias.

    Ademais, demandamos o reforzo inmediato de cadros de persoal en servizos sanitarios, sociais, de emprego e de Seguridade Social, para poder atender adecuadamente o previsible incremento de solicitudes e actuacións en cada un deles.

    Así mesmo, prestaremos todo o apoio necesario ás nosas organizacións en todas as zonas afectadas, de maneira singular no caso do País Valenciano, para dar cobertura ao dispositivo de atención á poboación traballadora que vai ser necesario, tanto desde a perspectiva do xa ocorrido nos últimos días canto ás condicións de traballo, desprazamento e riscos laborais que se produciron, como respecto das consecuencias que poidan derivar desta situación nas próximas semanas ou meses.

    UGT e CCOO tamén esixiremos responsabilidades polas decisións adoptadas e polas non adoptadas en tempo, e as consecuencias que tiveron para a vida dun número aínda indeterminado de persoas traballadoras. As catástrofes vinculadas á emerxencia climática requiren de políticas públicas estruturais, non recortes de recursos públicos nin negacionismos reaccionarios. A análise e a previsión científica non poden ser postergadas por fanatismos ideolóxicos. Hai que revisar as políticas urbanísticas e os protocolos de protección civil e, desde logo, estar á altura das alertas que emiten as entidades encargadas das predicións meteorolóxicas. A irresponsabilidade e a neglixencia págana sempre as clases traballadoras e populares.