Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 19 Maio 2025.

CCOO insta a Xunta a «facer política para os galegos e as galegas» e así reverter a tendencia do emprego en Galicia

    Comisións Obreiras (CCOO) insta a Xunta de Galicia a «facer política para os galegos e as galegas», aproveitando para iso os orzamentos autonómicos do 2025. Con esta demanda, o sindicato agarda que o Goberno autonómico tome as medidas necesarias para reverter a tendencia do mercado laboral galego, que no mes de outubro amosou unha evolución moito peor que a media estatal. Así o revelan os datos do paro rexistrado, coñecidos hoxe, que indican unha suba do desemprego e a perda de afiliación á Seguridade Social.

    05/11/2024.
    Respecto do mes anterior, o paro rexistrado volve subir en Galicia

    Respecto do mes anterior, o paro rexistrado volve subir en Galicia

    Os datos do paro rexistrado sinalan unha suba en Galicia de 1222 persoas (+1,01 %) e, se ben o aumento está na liña do experimentado no conxunto do Estado (+1,04 %), a galega é a sexta comunidade autónoma onde máis medra o desemprego.

    A afiliación á Seguridade Social, tomando o dato do último día do mes, rexistra unha caída de 4430 afiliados e afiliadas (–0,41 %), o dobre ca no Estado (–0,22). Considerando os datos da afiliación media mensual, diminúe en 2470 persoas (–0,23 %), pero no Estado aumenta (+0,63 %). Polo tanto, «a evolución do emprego é peor en Galicia ca na media española», censura Maica Bouza, secretaria de Emprego de CCOO.

    Os datos publicados hoxe «seguen respondendo ao remate das contratacións de verán» —explica a sindicalista—, pois sete de cada dez persoas que se incorporan ao desemprego proceden do sector dos servizos. «Que suba o paro no mes de outubro non é unha boa nova, pero responde á dinámica habitual do mercado de traballo galego e español», subliña Bouza.

    «O que é unha mala noticia, moi mala, son as maiores dificultades que ten Galicia para crear emprego respecto do que pasa no Estado. E ante iso algo terán que ver as políticas, ou máis ben a ausencia delas, que desenvolva a Xunta de Galicia», advirte a sindicalista, que avoga por «algo máis ca turismo».

    Na súa opinión, Galicia necesita «medrar, crear emprego de calidade, incrementar a súa poboación e converxer co Estado e con Europa». Para isto cómpren un sector industrial forte e un sector servizos de alto valor engadido e recoller nos orzamentos esta aposta.

    Análise por sexos e sectores

    En Galicia están no desemprego 122 214 persoas; 50 808 homes e 71 406 mulleres. O desemprego medra nos homes (+1354) e redúcese nas mulleres (–132 desempregadas). Malia que o desemprego masculino medra e o feminino cae, non se reduce a fenda de xénero: seis de cada dez persoas paradas son mulleres.

    Atendendo ás idades, hai 5180 persoas menores de 25 anos inscritas no Servizo Público de Emprego e 117 034 maiores desa idade. O desemprego aumenta en 175 mozos e mozas menores de 25 anos mentres que entre as maiores se incrementa en 1047. Non obstante, en termos porcentuais, o incremento na mocidade é superior ca nas persoas maiores: 3,49 % fronte a 0,9 %

    O paro medra en todos os sectores de actividade agás na construción: no primario hai 188 persoas desempregadas máis (+5,21 %), na industria 92 (+0,78 %) e 881 nos servizos (+1,02 %); na construción cae o paro en 41 persoas (–0,53 %). O colectivo sen emprego anterior crece en 102 persoas.

    Análise da contratación

    No mes de outubro fixéronse 67 296 contratos en Galicia (–5,18 %). Aínda que o groso deles son temporais (43 815 fronte a 23 481 indefinidos), cómpre destacar o aumento do emprego indefinido (+6,46 %), mentres o temporal mingua un –10,43 %. Deste xeito, 35 de cada 100 contratos que se asinan en Galicia non teñen data de caducidade, mentres que antes da reforma laboral a proporción era 10 de cada 100. Sendo «moi positivo» este dato, Maica Bouza advirte que «segue sendo peor que no conxunto do Estado, onde 43 de cada 100 contratos rexistrados son indefinidos».

    Afiliación á Seguridade Social

    Canto á Seguridade Social, cos datos do último día de mes, a afiliación cae en 4430 persoas, ata situarse en 1 074 057 afiliados e afiliadas, rexistrando unha redución do –0,41 % con respecto ao mes anterior —como se indicou, o dobre que a media estatal—. Ademais, CCOO destaca o «peso crecente» da afiliación estranxeira: nesta data hai 67 142 persoas estranxeiras afiliadas á Seguridade Social en Galicia, un 6,25 % do total, mentres que hai un ano representaban o 5,49 %.

    Por outra banda, a afiliación media mensual redúcese en 2470 persoas, situando o número de persoas traballadoras afiliadas en 1 083 376. Deste total, 860 494 corresponden ao réxime xeral, 204 447 ao de persoas autónomas e 18 435 ao réxime especial do mar. A afiliación media en Galicia diminúe un –0,23 %, entres que no Estado medra nun +0,63 %.

    Tendo en conta a evolución da afiliación nos réximes xeral e autónomos, constátase que no mes de outubro cae a afiliación «de maneira significativa» na hostalaría (–3481 empregos), no comercio (–1600), nas actividades administrativas (–1161) e na sanidade (–1070). Pola contra, as actividades en que máis emprego se crea son a educación (+6249), o transporte (+586) e as actividades profesionais (+508). A evolución mensual «reflicte con claridade o remate das contratacións de temporada e a recuperación da normalidade nas actividades educativas», explica a sindicalista.

    Prestacións por desemprego

    En setembro cobraron algún tipo de prestación por desemprego 74 923 persoas: 34 845 prestacións contributivas e 40 078 subsidios. Canto aos ERTE do mes de outubro, o número de traballadores e traballadoras afectados ascende a 985 a final do mes, das cales 833 estaban en ERTE ETOP e 152 en ERTE de forza maior.