Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 4 Decembro 2024.

CCOO denuncia a privatización de servizos municipais por parte do Concello de Lugo en vez de apostar polo sector público

    A sección sindical de CCOO no Concello de Lugo denuncia a privatización de servizos municipais en vez de reforzar o sector público. Deste xeito, o sindicato expresa o seu rexeitamento pola decisión da xunta de goberno local de contratar «servizo especializado para a reparación de avarías e apoio na rede de abastecemento e saneamento de auga» cun orzamento de 423.500 euros anuais, que poderían superar os 700.000 en caso de prórroga.

    07/11/2024.
    CCOO denuncia falta de persoal no servizo

    CCOO denuncia falta de persoal no servizo

    Comisións ve «insólito» que un goberno «que presume de esquerdas e compromiso social» destine case medio millón de euros para encomendarlle a unha empresa privada a prestación dun servizo público. «Estamos a falar de máis de 423.500 euros anuais que, ben xestionados, en persoal municipal dan para contar cunha brigada municipal importante e que podería realizar eses traballos».

    Ante as afirmacións por parte do executivo de Paula Alvarellos de que o conctrato «permitirá reforzar o mantemento de infraestruturas críticas e garantir unha resposta rápida e eficiente ante posibles incidencias», a sección sindical e CCOO pono en dúbida. «A brigada municipal funcionou ben durante moito tempo, xusto ata que hai uns anos se comezaron a encargar actuacións a operarios alleos ao Concello». Esa experiencia proba que a externalización «non redundou nun mellor funcionamento; ao contrario, o abastecemento de auga empeorou e o custe foi considerablemente superior».

    A «inacción» do Concello en relación á brigada de augas xa foi denunciada por CCOO a comezos do verán. Nunha nota remitida aos medios de comunicación o 9 de xullo, o sindicato sinalaba que a falta de persoal impedía o normal funcionamento e facía que estivese inoperativa as fins de semana e os festivos.

    Para CCOO, unha brigada de só oito integrantes é «claramente insuficiente» para atender as necesidades dunha poboación de 100.000 habitantes. Precisamente, a comezos do verán, o sindicato xa denunciaba publicamente que o exiguo equipo non podía operar en fins de semanas e festivos por ter persoal de baixa médica ou gozando vacacións.

    Por todo isto, CCOO esixe a cancelación desta externalización e a negociación dunha relación de postos de traballo que permita reclasificar e dotar a brigada municipal de aguas de quendas de noites e fins de semana —do mesmo xeito que acontece cos bombeiros ou a Policía Local—. Segundo os cálculos do sindicato, esta si seria unha medida «eficiente» e permitiría aforrar uns 300.000 euros para as arcas municipais.