Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 4 Decembro 2024.

CCOO defende un acordo xusto para a xubilación anticipada das condutoras e condutores de autobús

    O sector do transporte de viaxeiras e viaxeiros por estrada estivo chamado á folga o xoves e venres desta semana, nunha convocatoria de CCOO.

    29/11/2024.
    Piquete informativo na estación de autobuses de Lugo

    Piquete informativo na estación de autobuses de Lugo

    A Federación de Servizos á Cidadanía de CCOO defende que a folga de transporte de viaxeiras e viaxeiros por estrada é «máis necesaria ca nunca» para conseguir o dereito á xubilación anticipada.

    CCOO canalizou nos últimos meses as reivindicacións deste sector, así como as dos ámbitos do transporte sanitario, guindastres autopropulsados e transporte de mercadorías, nos que xa se chegou a acordos coas respectivas patronais.

    Non é o caso do transporte de viaxeiras e viaxeiros por estrada, no que CCOO non comparte o acordo a que chegou outro sindicato con dúas organizacións empresariais, fóra da mesa de mediación (SIMA) e «sen garantías» para as traballadoras e traballadores deste ámbito, «que saen prexudicados en comparanza co que se asinou nos outros sectores» mencionados.

    «Para CCOO, non hai condutores e condutoras de segunda, queremos un acordo nas mesmas condicións», subliña. Por esta razón, o sindicato mantén en pé a convocatoria de folga, co obxectivo de conseguir a xubilación anticipada nunha actividade en que os riscos se incrementan «de xeito sensible» a partir dos 60 anos.

    Próximas mobilizacións

    Se nada cambia, a convocatoria de CCOO terá continuidade en decembro, con dúas xornadas de paro os días 5 (mércores) e 9 (luns), converténdose en indefinida a partir do luns 23 dese mes.