Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 16 Febreiro 2025.

Os datos do paro revelan que Galicia ten máis dificultades para crear emprego en comparanza co resto do Estado

    Comisións Obreiras (CCOO) congratúlase polo descenso do paro que indican os datos do mes de novembro, que amosan unha mingua do 0,3 % (472 persoas). Malia ser unha boa cifra, Galicia é a cuarta comunidade autónoma onde menos caeu o desemprego e sitúase moi lonxe da media estatal, onde a diminución foi do 1,4 %. Canto á afiliación á Seguridade Social, tomando o dato do último día do mes, rexistra un incremento de 9780 afiliados e afiliadas, un 0,9 % (1,2 % no Estado). Considerando os datos da afiliación media mensual, diminúe en 2255 persoas respecto ao mesmo período do mes anterior, un 0,2 % (no Estado nun 0,1 %).

    03/12/2024.
    Datos do paro rexistrado | Imaxe: Google Street View

    Datos do paro rexistrado | Imaxe: Google Street View

    «Os datos publicados hoxe amosan as luces e sombras do mercado laboral galego», sinala Maica Bouza, secretaria de Emprego de CCOO. Por este motivo, e sendo a lexislación laboral común, CCOO esíxelle á Xunta cambios nas súas políticas para lograr que o mercado laboral galego se achegue máis aos números doutras autonomías.

    A afiliación ten tamén peor evolución que no Estado e seguen medrando máis as actividades de baixo valor engadido que as ligadas ás transicións enerxética e dixital. CCOO lamenta que o proxecto de orzamentos da Xunta para 2025 que se está a debater no Parlamento galego non vaia favorecer a converxencia co Estado nin aposte polo desenvolvemento sostible de Galicia, «polo que intuímos que a situación do mercado laboral galego en 2025 non vai mudar a que hoxe vemos».

    Doutra banda, hoxe, 3 de decembro, Día Internacional das Persoas con Discapacidade, o sindicato demándalles ás distintas administracións que se garanta o dereito constitucional ao traballo das persoas con discapacidade e se reduza a «inxusta fenda» que sofren no emprego e na súa vida cotiá.

    Análise por sexos e sectores

    En Galicia están no desemprego 121 742 persoas: 51 081 homes e 70 661 mulleres. O desemprego medra nos homes (+273) e redúcese nas mulleres (–745). Malia que o paro masculino medra e o feminino cae, «non se reduce a fenda das mulleres no desemprego, onde seis de cada dez persoas paradas son mulleres», lamenta Maica Bouza.

    Atendendo ás idades, hai 5298 persoas menores de 25 anos inscritas no Servizo Público de Emprego e 116 444 maiores desa idade. O desemprego aumenta en 118 mozos e mozas menores de 25 anos mentres que entre as persoas maiores desa idade se reduce en 590.

    O paro cae en todos os sectores de actividade agás no primario: hai 208 persoas desempregadas menos na industria (–1,7 %), na construción 77 (–0,9 %) e 70 nos servizos (–0,1 %); pero no sector primario aumenta o paro en 30 persoas (+0,8 %). Pola súa parte, o colectivo sen emprego anterior redúcese en 147 persoas.

    Análise da contratación

    No mes de novembro fixéronse 54 406 contratos en Galicia (un 19,1 % menos que en outubro). O groso deles son temporais: 36 026 fronte a 18 380 indefinidos. Neste sentido, CCOO destaca a caída da contratación tanto indefinida (–21,7 %) como temporal (–17,8 %). Con estes datos, 34 de cada 100 contratos asinados en Galicia son indefinidos, cando antes da reforma laboral a porcentaxe era de 10 de cada 100. «Sendo moi positivo, este dato segue sendo peor que no conxunto do Estado onde 42 de cada 100 contratos rexistrados son indefinidos», subliña a secretaria de Emprego de CCOO.

    Afiliación á Seguridade Social

    Canto á Seguridade Social, cos datos do último día de mes, a afiliación sobe en 6780 persoas ata situarse en 1 080 837 afiliados e afiliadas (+0,9 %), se ben é inferior á rexistrada no Estado (1,2 %).

    Tendo en conta a evolución da afiliación nos réximes xeral e autónomos, no mes de novembro cae a afiliación de maneira importante na Administración pública (–1578). Pola contra, as actividades en que máis emprego se crea son as administrativas (+2560 empregos) e a educación (+1701).

    A afiliación media mensual redúcese en 2255 persoas, situando o número de persoas traballadoras afiliadas en 1 081 121. Deste total, 858 475 corresponden ao réxime xeral, 204 245 ao de persoas autónomas e 18 402 ao réxime especial do mar. A afiliación media en Galicia diminúe un 0,2 % mentres que no Estado faino nun 0,1 %.

    Prestacións por desemprego

    En outubro cobraron algún tipo de prestación por desemprego 78 899 persoas: 37 493 prestacións contributivas e 41 406 subsidios. En relación cos ERTE do mes de novembro, o número de traballadores e traballadoras afectados ascende a 958 a final do mes, das cales 815 estaban en ERTE ETOP e 143 en ERTE de forza maior.