Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 20 Xaneiro 2025.

A Xustiza recoñece a nulidade dun despedimento a un candidato de CCOO en Cedar Bay

    A Xustiza acaba de ratificar a nulidade do despedimento dun candidato de CCOO nas eleccións sindicais da empresa Cedar Bay Ibérica, consultora coñecida pola súa actividade telemática e con centro de traballo na rúa Nicaragua, en Vigo.

    04/12/2024.
    A Xustiza recoñece a nulidade do despedimento en Cedar Bay

    A Xustiza recoñece a nulidade do despedimento en Cedar Bay

    O pasado mes de marzo de 2024, a empresa Cedar Bay «despediu de forma inxusta» —subliña CCOO—  un traballador que se presentara por este sindicato ás eleccións sindicais. Comisións subiña a relación causa-efecto, xa que o despedimento se produciu «o mesmo día en que a empresa recibiu por correo electrónico a notificación da súa candidatura». 

    Intento de evitar as eleccións sindicais

    Tras o despedimento, a empresa tentou anular o proceso electoral sindical, argumentando que, ao ser unha unidade de traballo telemática, non se podían facer eleccións sindicais. Presentaron un laudo arbitral para paralizar este dereito, pero a Xustiza desestimou o recurso. O proceso electoral seguiu adiante, e este afiliado a CCOO, mesmo despedido, foi elixido como delegado sindical polas súas compañeiras e compañeiros. 

    Reivindicacións xudiciais e resolución final

    Mentres, CCOO demandou nos xulgados a nulidade do despedimento. Na conciliación previa, a empresa recoñecera a nulidade, pero tentaba non pagar os salarios pendentes. Con todo, ás portas do xuízo, a empresa aceptou as pretensións.

    CCOO expresa a súa «satisfacción» por este logro, «que demostra que a unión e a loita pola xustiza son máis fortes que as inxustizas das empresas. Este caso é unha proba máis de que, cando defendemos os nosos dereitos, podemos gañar».