Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 20 Xaneiro 2025.

CCOO congratúlase pola suspensión cautelar da contratación do SAF de Boiro tras o recurso presentado polo sindicato

    CCOO-Hábitat de Galicia congratúlase pola suspensión cautelar da contratación do servizo de axuda no fogar (SAF) do Concello de Boiro. Así o ordenou o Tribunal Administrativo de Contratación Pública (TACGal) tras estudar o recurso presentado polo sindicato, que apreciaba distintas irregularidades no proceso de licitación e contratación.

    17/12/2024.
    Extracto da resolución do TACGal decretando a suspensión cautelar da contratación

    Extracto da resolución do TACGal decretando a suspensión cautelar da contratación

    Xa no mes de xuño deste ano, CCOO advertira o Concello da posibilidade de presentar unha denuncia ante a Fiscalía «pola falta de transparencia e as vulneracións legais que o proceso de licitación podería estar ocasionando».

    Entre outras, a «prolongación ilexítima» da contratación sen publicidade, impedindo o acceso aos datos relevantes sobre o contrato, nunha «clara violación da lexislación aplicable en materia de contratación pública», censura CCOO-Hábitat.

    A Federación do Hábitat tamén sinalou que se estaban vulnerando as obrigas legais de publicidade na regulación dos contratos administrativos. «A nova licitación do servizo de axuda a domicilio non fora publicada nin na sede electrónica do Concello de Boiro, nin na plataforma de contratos públicos de Galicia, o que dificultaba o acceso aos pregos de condicións e xeraba serias dúbidas sobre a legalidade do proceso», explica.

    Tras analizar o recurso de CCOO, o TACGal decidiu suspender de forma cautelar o proceso de contratación do servizo de axuda a domicilio no Concello de Boiro. Esta medida estará en vigor ata que o Tribunal se pronuncie de maneira definitiva.

    Para CCOO, a suspensión cautelar é un «paso importante» para garantir que o proceso de contratación se axuste ás normativas legais e que se respecten os dereitos laborais das traballadoras e traballadores do sector.