Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 16 Febreiro 2025.

O persoal do Froiz de Caranza pide traballar nun espazo laboral seguro

    O persoal da tenda de Froiz situada na rúa Xoán de Austria, no barrio ferrolán de Caranza, denuncia unha situación «insostible» pola vaga de roubos e actos de intimidación que afectan tanto a súa seguridade como a dos clientes. Ademais, reproban a inacción da empresa, «que ata o momento ignorou as nosas demandas para aplicar medidas de protección eficaces».

    13/01/2025.
    Concentración do persoal do Froiz situado na rúa Xoán de Austria, en Caranza (Ferrol)

    Concentración do persoal do Froiz situado na rúa Xoán de Austria, en Caranza (Ferrol)

    Ante esta falta de resposta, o pasado venres, 10 de xaneiro, concentráronse diante da tenda co obxectivo de facer visible o problema e reclamar solucións decontado.

    Unha situación que afecta a todas as persoas

    Os roubos non só prexudican o persoal, senón que xeran unha sensación de inseguridade entre a clientela, que moitas veces presencia situacións de risco sen que haxa protocolos claros de actuación. «Como traballadores e traballadoras, sentímonos abandonados pola empresa, que non tomou ningunha medida efectiva para garantir a seguridade no establecemento», denuncian.

    A sección sindical de CCOO solicita de maneira urxente:

    Instalación de medidas de seguridade, como vixilancia privada e sistemas de control máis eficaces.

    Formación ao persoal para actuar de maneira segura e eficiente en situacións de conflito.

    — Creación dun protocolo de actuación que prevexa o apoio inmediato ao persoal afectado por situacións de intimidación.

    «Non pedimos luxos, senón dereitos básicos: traballar nun espazo seguro e respectuoso. Se a empresa non actúa, seguiremos incrementando as medidas de presión sen descartar xornadas de folga», aseguran desde a sección sindical de CCOO.