Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 16 Febreiro 2025.

CCOO desmente as declaracións de Fabiola García sobre o Centro de Atención ás Persoas con Diversidade Funcional de Ourense

    O sector da Administración autonómica de CCOO desmente as recentes declaracións da conselleira de Política Social e nega que o Centro de Atención ás Persoas con Diversidade Funcional de Ourense careza de medios persoais e materiais axeitados. «Esta afirmación obedece a un pretexto sen fundamento para tentar xustificar a privatización da xestión», denuncia o sindicato.

    28/01/2025.
    Instalacións do CAPD de Ourense | Foto: CCOO

    Instalacións do CAPD de Ourense | Foto: CCOO

    En declaracións reproducidas por varios medios de comunicación, Fabiola García mesmo chega a concretar cales son as categorías laborais onde non habería ese persoal propio cualificado: psicoloxía, traballo social, educación social, terapia ocupacional e logopedia. Tras o que a conselleira acaba afirmando que esa ausencia faría «necesario externalizar a xestión do centro».

    Ante isto, CCOO lembra que o procedemento de selección de persoal temporal no ámbito da Administración autonómica é público e pódese acceder a el a través da páxina web da Xunta de Galicia. «Abonda cunha simple consulta» ao estado das listaxes de contratación para cada unha das categorías, explica CCOO, para desmentir tales afirmacións.

    Así, para o ámbito xeográfico da provincia de Ourense, a listaxe de psicoloxía amosa 169 persoas inscritas, das cales 139 están pendentes de ser chamadas para traballar; 244 para traballo social, das cales 225 agardan a chamada; ou 550 para traballo social, con 487 en espera.

    «Os argumentos da Consellaría de Política Social e Igualdade non se axustan á realidade dos feitos tal e como pode comprobarse a través da fonte de información das listaxes de contratación temporal para persoal funcionario e laboral da Xunta de Galicia», conclúe CCOO.

    Por último, CCOO esixe que, de se producir falta de profesionais en determinadas categorías, «inclúan as prazas necesarias na correspondente oferta pública de emprego e se elimine a taxa de reposición de efectivos que ano tras ano impide o redimensionamento dos cadros de persoal».