Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 16 Febreiro 2025.

CCOO pídelle á Xunta «tomar nota» duns datos da EPA cunha tendencia «preocupante» no derradeiro trimestre do ano

    O Sindicato Nacional de CCOO de Galicia salienta os datos positivos da enquisa de poboación activa (EPA), coñecidos hoxe, que revelan un importante crecemento do emprego no último ano. Como principais puntos fortes están a creación de 17 400 empregos (+1,5 %), a redución do paro en 5500 persoas (-4,8 %), o peso do emprego a tempo completo e indefinido, así como a puxanza do emprego industrial e da construción. Con estas cifras, a poboación ocupada sitúase en 1,15 millóns de persoas e o paro en 109 400, o rexistro máis baixo nas últimas décadas.

    28/01/2025.
    Valoración de CCOO sobre os datos da última EPA

    Valoración de CCOO sobre os datos da última EPA

    Asemade, creáronse no último ano 27 900 postos de traballo asalariados, sendo que todo o emprego neto creado foi indefinido: 28 600 indefinidos fronte á perda de 700 temporais. Isto deixa a taxa de precariedade no 15,9 %.

    Porén, o sindicato pídelle á Xunta «tomar nota» da tendencia «preocupante» que a mesma enquisa recolle no derradeiro trimestre do 2024, con 6100 persoas ocupadas menos e unha redución do paro en 3100. Unha evolución «moi negativa á que debemos estar atentos os próximos meses», sinala a secretaria de Emprego de CCOO, Maica Bouza.

    A sindicalista tamén alerta do baixo ritmo de creación de emprego e redución do paro en Galicia, peor ca na media do Estado. Por outra banda, a taxa de actividade galega segue máis de cinco puntos por baixo da estatal e hai dez comunidades autónomas onde medra máis emprego ca no caso galego.

    Análise dos datos

    A EPA do cuarto trimestre do ano en Galicia reflicte a creación de 17 400 empregos e a redución do desemprego en 5500 persoas. O emprego medra en Galicia nun 1,5 %, mentres que no Estado o fai nun 2,2 %. Pola contra, o desemprego cae nun -4,8 % e en España nun -9,3 % respecto do ano anterior.

    A ocupación masculina aumenta en 6400 postos de traballo, mentres que a feminina o fai en 1900. Dito doutro xeito, de cada 100 persoas con emprego, 48 son mulleres. Asemade, nove de cada dez empregos creados son a xornada completa, o que sitúa a taxa de parcialidade no 14,2 %.

    No cuarto trimestre de 2024 hai 109 400 persoas en desemprego en Galicia, segundo a EPA. Son 5500 menos que no ano anterior. O desemprego masculino cae en -5100 persoas mentres que o feminino o fai en -400. Noutras palabras, de cada 100 persoas en desemprego, 55 son mulleres.

    Por sectores, créase emprego en todos agás no primario: na industria hai 15 800 persoas ocupadas máis, 5 200 na construción e 1300 nos servizos; pola contra, no sector primario pérdense 5000. CCOO destaca o pulo do sector industrial, onde o emprego medra nun 9,1 %, así como na construción (+6,7 %).

    Na desagregación por ramas de actividades, a maior creación de emprego prodúcese na industria manufactureira (+11 300), na metalurxia (+6700), nas actividades profesionais (+6400), nas de información (+5600 máis), na construción e no material de transporte (+5200 cada unha), nas actividades sanitarias e de servizos sociais (+5000), na enerxía (+4700) e nas administrativas (+3900 máis). No extremo contrario, a maior destrución de emprego deuse no transporte (-6400) e na hostalaría (-5500).

    O saldo do emprego asalariado no último ano é de 27 900 persoas ocupadas máis, resultado do aumento de 28 600 empregos asalariados indefinidos e da perda de 700 temporais. Destruíronse 2700 empregos asalariados no sector público e creáronse 30 500 no sector privado. No público cae o emprego indefinido en 600 ocupacións e outras 2000 no caso do temporal; mentres, no privado creáronse 29 200 indefinidos e 1300 temporais.

    Segundo a EPA, hai 41 000 fogares con todas as persoas en desemprego (5.600 menos que hai un ano) e 26 700 fogares nos que non entra ingreso ningún (-2200). Asemade, a taxa de actividade sitúase no 53,1 %, dúas décimas menos que hai tres meses, pero máis de cinco por baixo da estatal.