Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 16 Febreiro 2025.

O comité de folga de Ence esixe «compromisos reais» para a seguridade do persoal e a viabilidade da fábrica

    O comité de folga de Ence en Pontevedra lamenta «profundamente» que, tras manter unha longa reunión de varias horas coa dirección xeral da empresa, esta siga negándose a calquera tipo de acordo sobre as reivindicacións do persoal canto á seguridade das traballadoras e traballadores e a viabilidade da fábrica.

    30/01/2025.
    Entrada á fábrica de Ence, esta mañá

    Entrada á fábrica de Ence, esta mañá

    Pola contra, a Dirección «centrouse en promover o seu suposto compromiso» co Plan Estratéxico 2024-2028 e en esixir a desconvocatoria da folga a cambio dun novo calendario de xuntanzas coa dirección da fábrica.

    Malia que o comité soliciou á noite un receso na longa reunión, tras case sete horas, a empresa decidiu rematar co encontro mediante un comunicado interno dirixido ao persoal. Isto, malia que a intención do comité era negociar «ata o último momento».

    En materia de seguridade, o comité solicita a entrega dos informes de risco estrutural —para control de prazos e execución das accións necesarias por seguridade—, que se dispoña dunha reserva mínima de seis millóns de euros para executar o plan de reparación; actualizar e mellorar todos os espazos comúns do persoal e salas de control; reforzar o persoal de limpeza e un plan de limpeza industrial «ambicioso» que garanta a seguridade e a saúde na fábrica.

    Canto ao cadro de persoal, o comité pide incorporar dous mecánicos á quenda normal para servizos xerais e conversión de contratos fixos-descontinuos en indefinidos; un operador de campo por quenda para a depuradora e ósmose; dous operadores de apoio no parque de madeiras; normalización de todas as vacantes da fábrica e cobertura do persoal en situación de baixa ou permisos retribuídos; recoñecemento da exposición de todo o persoal a toxicidade, perigosidade e penosidade.

    Outras reivindicacións son as compensacións económicas polas perdas de produción acumuladas nos últimos meses —debido a avarías graves ou reducións decididas pola empresa—; cumprimento «estrito» do plan de formación, consonte o asinado no convenio; reversión ao fondo de créditos dos traballadores de todos os xuros acumulados nos últimos anos; actualización anual conforme ao IPC e recoñecemento definitivo da titularidade do fondo á parte social.

    Se a dirección da empresa non é capaz de asumir o compromiso con estas demandas «básicas», desde o comité poñen en dúbida o compromiso cos investimentos a longo prazo que se anuncian de maneira pública.