Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 16 Febreiro 2025.

A suba do desemprego en xaneiro concéntrase no sector dos servizos e, especialmente, nas mulleres, sinala CCOO

    Os datos coñecidos hoxe indican que o paro rexistrado subiu no mes de xaneiro en 2482 persoas en Galicia, un 2,1 %, porcentaxe superior á rexistrada no conxunto do Estado (+1,5 %). A afiliación á Seguridade Social, tomando o dato do último día do mes, rexistra una caída de 6506 afiliados e afiliadas respecto ao mesmo período do mes anterior (–0,6 % por –1 % no Estado). Segundo a secretaria de Emprego de CCOO, Maica Bouza, a evolución do mercado laboral galego no mes de xaneiro «responde á finalización do período de contratación da campaña de Nadal, como acontece todos os anos nestas datas».

    04/02/2025.
    Oficina do Servizo Público de Emprego | Foto: Google Street View

    Oficina do Servizo Público de Emprego | Foto: Google Street View

    Non obstante, os datos de decembro «xa facían prever esta evolución que, non por esperada, é menos preocupante», apunta a sindicalista. Especialmente no que ten que ver coas traballadoras galegas, o incremento do desemprego e súa concentración no sector dos servizos e entre a poboación feminina «reflicte a excesiva dependencia da economía galega das actividades de baixo valor engadido que están, pola súa vez, fortemente feminizadas», apunta Bouza.

    «Unha vez máis, e xa van demasiadas, denunciamos a precariedade laboral das mulleres galegas e a necesidade de tomar de vez medidas urxentes para dignificar o emprego feminino», expón a secretaria de Emprego de CCOO. Neste sentido, o sindicato fai un chamamento á Xunta de Galicia para que deseñe políticas «que desestacionalicen o emprego no sector dos servizos e aposten por actividades de alto valor engadido».

    Por último, «e como único dato positivo», Maica Bouza destaca o «importante incremento» da contratación indefinida, que medra un 26,5 % no mes de xaneiro e supón aproxidamente o 35 % das contratacións, case catro de cada dez.

    Análise por sexos e sectores

    Ao remate do mes de xaneiro, en Galicia están no desemprego 51 237 homes (+559) e 70 083 mulleres (+1923). Seis de cada dez persoas paradas son mulleres. Atendendo ás idades, hai 4997 persoas menores de 25 anos inscritas no Servizo Público de Emprego (+130) e 116 323 maiores desa idade (+2352).

    O paro diminúe no sector primario (–1) e no da construción (–31), pero sobe nos servizos (+2435) e na industria (+18), tamén no colectivo sen emprego anterior (+61). A evolución do emprego por sectores «responde ao patrón dos meses de xaneiro, cando se perde boa parte do emprego creado na campaña de Nadal e de rebaixas do sector dos servizos», explica Maica Bouza, lembrando que o incremento do desemprego neste sector foi do 2,9 %.

    Análise da contratación

    En xaneiro rexistráronse en Galicia 51 072 contratos (–1091), dos cales 33 286 foron temporais e 17 786 indefinidos. A contratación indefinida medra un 26,5 % e supón un 35 % da contratación rexistrada. Os contratos temporais redúcense un –12,6 %.

    Afiliación á Seguridade Social

    Canto á Seguridade Social, cos datos do último día de mes, a afiliación cae en –6506 persoas respecto do mes de decembro, ata situarse en 1 063 867 afiliados e afiliadas (–0,6 %). A afiliación media mensual cae en –12 483 persoas, situando o número de persoas traballadoras afiliadas en 1 063 089. Deste total, 846 676 corresponden ao réxime xeral, 203 004 ao de autónomos e 17 409 ao réxime especial do mar. A afiliación media en Galicia cae un –1,1 %.

    Tendo en conta a evolución da afiliación nos réximes xeral e autónomos, constátase que no mes de xaneiro cae a afiliación de maneira importante na hostalería (–2858), no comercio (–2478), nas actividades administrativas (–2152) e na sanidade (–1266), «o que corrobora a evolución sectorial e por sexos do desemprego», apunta a sindicalista.

    Xa no relativo ás prestacións por desemprego, percíbenas 80 670 persoas. Deste total, 38 387 corresponden a prestacións contributivas e 42 283 a subsidios. Por último, canto aos ERTE do mes de xaneiro, o número de traballadoras e traballadores afectados ascende a 772 a final do mes, das cales 613 estaban en ERTE ETOP e 159 en ERTE de forza maior.