Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 26 Abril 2025.

CCOO, COTS e SLG concentraranse o luns en defensa do sistema público de atención á dependencia

    As organizacións Comisións Obreiras (CCOO), Colexio Oficial de Traballo Social (COTS) e Sindicato Labrego Galego (SLG), todas elas integrantes do Consello Galego de Benestar Social (CGBS), anuncian mobilizacións en defensa do sistema de atención á dependencia. Para isto, convocan unha concentración para o vindeiro luns, 10 de febreiro, ás 11 h, diante da Xunta de Galicia (San Caetano). A esta protesta asistirá a secretaria xeral do S. N. de CCOO de Galicia, Amelia Pérez.

    06/02/2025.
    Persoa dependente | Foto: Pixabay

    Persoa dependente | Foto: Pixabay

    As tres organizacións levan desde o pasado novembro pedindo a comparecencia da conselleira de Política Social, Fabiola García, nun pleno urxente do Consello Galego de Benestar Social. Tamén acaban de pedir unha entrevista coa Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) para tratar, entre outros aspectos, as recentes modificacións recollidas na Lei de medidas fiscais e administrativas que acompaña o Proxecto de Orzamentos da Xunta de Galicia para 2025, así como as emendas á norma.

    Segundo denuncian CCOO, COTS e SLG, as ditas emendas «implican graves prexuízos tanto para o procedemento de recoñecemento das situacións de dependencia e discapacidade como para as propias funcións do Consello Galego de Benestar Social». De feito, máis dun mes despois da publicación das modificacións nas valoracións, as profesionais dos concellos «non teñen información nin se reuniron con elas, aspecto que consideramos debe ser abordado coa máxima urxencia», subliñan. 

    «É totalmente intolerable que, a día de hoxe, Fabiola García siga tentando eludir unha xuntanza para afrontar as graves eivas na tramitación da dependencia. Unha media de trinta persoas morren cada mes nas listas de agarda. A situación é insostible», denuncian as tres organizacións.

    Ante a tentativa da Consellaría de evitar dar explicacións sobre as modificacións en materia de dependencia, CCOO, COTS e SLG fan un chamamento a participar na concentración do vindeiro luns, diante da sede central da Xunta de Galicia.