Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 26 Abril 2025.

CCOO protestará o vindeiro 20 de febreiro para reclamar xustiza na devolución do IRPF dos antigos mutualistas

    Comisións Obreiras (CCOO) mobilizarase o vindeiro 20 de febreiro para reclamar xustiza na devolución do IRPF dos antigos mutualistas. Así o anunciaron esta mañá representantes do sindicato nunha conferencia de prensa. Denuncian que o proceso establecido polo Executivo central está a xerar discriminacións e agravios comparativos entre as persoas afectadas, polo que urxe a aplicación de medidas correctoras. A protesta terá lugar ás 11:30 horas, diante da Delegación do Goberno na Coruña.

    13/02/2025.
    De esquerda a dereita, Ramiro Otero e Carlos Mella, anunciando esta mobilización

    De esquerda a dereita, Ramiro Otero e Carlos Mella, anunciando esta mobilización

    A reforma fiscal deixou sen efecto as devolucións

    Tras diversas sentenzas na súa contra, a AEAT recoñeceu a comezos de 2024 o dereito das persoas pensionistas a reduciren unha porcentaxe da súa base impoñible do IRPF, en función das cotizacións realizadas ás antigas mutualidades entre 1967 e 1978 (un 25 % da parte correspondente da pensión) e as anteriores a 1967 (100 %).

    Para facilitar a devolución, en marzo dese ano habilitouse un formulario electrónico para facilitar o proceso. Porén, unha disposición incluída na reforma fiscal aprobada polas Cortes Xerais deixa sen efecto as solicitudes de devolución que non estivesen resoltas antes do 22 de decembro do 2024, ao tempo que desactivaba o xa mencionado formulario.

    CCOO denuncia unha situación inxusta

    CCOO considera inxusto que moitos traballadores e traballadoras, que cotizaron durante anos aos antigos sistemas mutualistas, vexan limitadas ou incluso negadas as devolucións que lles corresponden. O sindicato insta ao Goberno a adoptar mecanismos que garantan a equidade e a transparencia no proceso, evitando que determinadas persoas queden excluídas de forma arbitraria.