Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 26 Abril 2025.

Protesta de Pensionistas de Galicia o 20-02-2025

Os Pensionistas de Galicia mostran na Delegación do Goberno a sua disconformidade

    21/02/2025.
    Participación

    Participación

    A Axencia Tributaria recoñeceu a comezos de 2024, despois de diferentes sentenzas xudiciais, que as persoas pensionis­tas por xubilación e incapacidade permanente tiñan dereito a unha redución na súa tributación de IRPF da pensión pú­blica, en función das cotizacións que realizaron ás antigas mutualidades laborais. A diminución sería dun 25 % polo co­tizado entre os anos 1967 e 1978 e dun 100 % polas ante­riores a 1966.

    Para facilitar a devolución do exceso, desde o mes de marzo de 2024, a Axencia Tributaria habilitou na súa páxina web un formulario para solicitar e autorizar a propia Axencia a recti­ficar as declaracións dos exercicios 2019-2022; así, determi­naba a porcentaxe de minoración no IRPF e logo comezaba a devolver as cantidades recadadas en exceso. 

    O pasado 21 de decembro de 2024, publicábase no BOE a Lei 7/2024, de 20 de decembro, con diferentes materias fis­cais, incluíndo a disposición final décimo sexta que modifi­caba o procedemento de aplicación da xurisprudencia do Tri­bunal Supremo, sobre a disposición transitoria 2.ª da Lei 35/2006 do IRPF para os períodos impositivos dos anos 2019-2022.

    Este cambio de criterio, feito pola porta de atrás con noctur­nidade e aleivosía, sen información, consulta nin conversa ningunha coas organizacións sindicais, incorporouse vía emenda promovida desde o Goberno na tramitación da Lei 7/2024. Contou cunha maioría suficiente das Cortes para aprobala e entrou en vigor para todas as solicitudes que non se resolvesen no 22 de decembro de 2024.

    A disposición final décimo sexta da devandita norma sus­pende —e, polo tanto, deixa sen efecto— as solicitudes de devolución que non se resolvesen antes do día 22 de decem­bro de 2024, inhabilita o formulario e a formula establecida de recibir as devolucións dos catro exercicios nun só paga­mento. 

    Segundo a nova regulación, as persoas afectadas deberán reclamar de novo o tributado en exceso, pero agora de ano en ano, dentro dos prazos de presentación anual do IRPF, entre os anos 2025 e 2028.

    A Federación de Pensionistas de CCOO considera moi nega­tivo que se modifiquen o criterio e o procedemento postos en marcha en xaneiro de 2024, tras múltiples reunións e conversas de CCOO co Ministerio de Facenda, a Axencia Tri­butaria e o Ministerio de Seguridade Social durante o ano 2023. Con ese procedemento, cruzábanse os datos entre a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Axencia Tributaria, para garantir a aplicación desta medida en igualdade de con­dicións ás persoas afectadas, aínda que as súas empresas xa non existisen, pois isto supoñía unha limitación moi relevante até ese momento.

    Consideramos que é unha decisión arbitraria, que non contou con participación nin consulta ningunha; que nin a Axencia Tributaria nin o Goberno Central a xustificaron, máis aló de intuírmos que se trata de aprazar e diluír o impacto econó­mico desta cuestión nun marco de prórroga orzamentaria e implantación de novas regras fiscais na Unión Europea. Esta decisión prexudica directamente un colectivo vulnerable, como somos as persoas pensionistas.

    Para CCOO, esta decisión xera inseguridade xurídica porque aplica con carácter retroactivo unha norma fiscal desfavora­ble, ademais de xerar agravios comparativos entre as pen­sionistas afectadas. Todas seguiron o procedemento prees­tablecido pola Axencia Tributaria e nos mesmos prazos, pero mentres que algunhas persoas xa recibiron ou van recibir todo o solicitado, a outras esíxeselles comezar o proceso de novo e recibir a posible devolución de maneira fraccionada en catro exercicios.

    CCOO denuncia que na páxina web da AEAT non se informa sobre o procedemento que se vai seguir, e isto causa incer­teza nas persoas afectadas ou, se é o caso, nos seus herdei­ros, cando se produzan falecementos durante o período de reclamación. Tampouco sabemos se a demora vai xerar al­gunha compensación por se fraccionar e diferir o pagamento.

    Por todas as razóns expostas, a Federación de Pensionistas de CCOO esíxelles ás Administracións responsables a re­forma inmediata do procedemento para evitar as consecuen­cias máis lesivas deste cambio e que se facilite a aplicación da DT 2.ª da Lei 35/2006 do IRPF, para que poidan percibir nun só pagamento o IRPF aboado de máis.