Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 18 Marzo 2025.

CCOO lamenta que a mellora no emprego que constata o mercado laboral «nunca chega ás mulleres galegas»

    O Sindicato Nacional de CCOO de Galicia coida positivos os datos do paro rexistrado publicados hoxe, pois reflicten unha baixada do desemprego e un incremento da afiliación. Porén, ás portas dun novo 8 de Marzo, «temos que seguir denunciando a situación de inxusta desigualdade que sofren as mulleres no mercado laboral galego e a falta de compromiso da Xunta para mudar esta realidade», expón a secretaria de Emprego, Maica Bouza. «A mellora que evidencia o mercado laboral nunca chega ás mulleres galegas, que representan seis de cada dez persoas desempregadas», subliña a sindicalista.

    04/03/2025.
    As mulleres seguen representando seis de cada dez persoas desempregadas en Galicia

    As mulleres seguen representando seis de cada dez persoas desempregadas en Galicia

    Desde CCOO pídenlle ao Goberno galego que tamén «tome nota» da positiva evolución do emprego nas actividades ligadas ao cambio de modelo produtivo, de xeito que os datos do último mes non sexan conxunturais, senón «unha aposta de país» por uns sectores produtivos de alto valor engadido que favorezan a creación de emprego de calidade e a mellora do nivel de vida das galegas e dos galegos.

    Análise dos datos

    Os datos coñecidos hoxe indican que en febreiro se reduciu o paro rexistrado en 343 persoas (–0,28 %), mentres que a afiliación á Seguridade Social, tomando a cifra do último día do mes, rexistra unha suba de 6.011 afiliados e afiliadas (+0,6 %). No entanto, considerando os datos da afiliación media mensual, sobe en 4.858 (+0,46 %).

    Por sexos, están en desemprego 50.910 homes (327 menos que en xaneiro) e 70.067 mulleres (–16). Con todo, como se indicou, seis de cada dez persoas paradas seguen sendo mulleres, malia a evolución do mercado laboral no último mes. Atendendo ás idades, hai 5.136 persoas menores de 25 anos inscritas no Servizo Público de Emprego (–136) e 116.323 maiores desa idade (–482).

    O paro diminúe en todos os sectores de actividade: nos servizos hai 233 persoas desempregadas menos, 199 na industria, 78 na construción e 63 no sector primario. Porén, no colectivo sen emprego anterior, o desemprego medra en 230 persoas.

    Análise da contratación

    En febreiro rexistráronse en Galicia 45.327 contratos, dos cales 29.000 foron temporais e 16.327 indefinidos. O volume de contratos rexistrados en febreiro foi inferior nun 9,5 % aos formalizados no mes de xaneiro; a contratación indefinida cae un 8,29 % mentres que a temporal o fai nun 12,88 %. Con estes datos, de cada cen contratos rexistrados, 36 son indefinidos, proporción que no Estado se eleva a 44.

    Afiliación á Seguridade Social

    Canto á Seguridade Social, cos datos do último día de mes, a afiliación sobe en 6.011 persoas ata alcanzar 1.069.878 afiliados e afiliadas, rexistrando un incremento do 0,6 % respecto do mes anterior. A afiliación media mensual aumenta en 4.858 persoas e sitúa o número de persoas traballadoras afiliadas en 1.071.948. Deste total, 851.043 corresponden ao réxime xeral, 203.317 ao de autónomos e 17.588 ao réxime especial do mar. A afiliación media en Galicia increméntase un 0,46 %.

    Tendo en conta a evolución da afiliación nos réximes xeral e autónomos, constátase que no mes de febreiro a afiliación sobe de forma considerable na educación (+1.429), na industria manufactureira (+991), nas actividades administrativas (+480) e nas profesionais (+468); pola contra, pérdese emprego no comercio e na Administración pública (–295 e –117 afiliados e afiliadas menos, respectivamente).

    Prestacións por desemprego

    En xaneiro cobraron algún tipo de prestación por desemprego 82.523 persoas: 44.927 prestacións contributivas e 37.596 subsidios.

    En relación cos ERTE do mes de febreiro, este mecanismo daba cobertura a 1.006 persoas a final do mes, das cales 950 estaban en ERTE ETOP e 56 en ERTE de forza maior. Do total de persoas afectadas, 700 son homes e 306, mulleres.