Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 18 Marzo 2025.

CCOO e a súa Fundación entregan os Premios 10 de Marzo 2025 a Ana Pardo de Vera, Ánxela Loureiro e Pilar Tellado

    O vindeiro sábado, día 8, a partir das 11:30 horas, o Sindicato Nacional de CCOO de Galicia e a súa Fundación entregarán en Santiago de Compostela os Premios 10 de Marzo. Coma cada ano, estes galardóns recoñecen traxectorias vitais que exemplifican o compromiso coa loita sindical, cos dereitos sociais e a igualdade.

    05/03/2025.
    Este ano serán recoñecidas co Premio 10 de Marzo: Pilar Tellado, Ana Pardo de Vera e Ánxela Loureiro

    Este ano serán recoñecidas co Premio 10 de Marzo: Pilar Tellado, Ana Pardo de Vera e Ánxela Loureiro

    Nos últimos anos vén sendo costume do sindicato entregar os premios o sábado anterior ao 10 de Marzo, Día da Clase Obreira Galega, polo que nesta ocasión coincidirá co 8M. Precisamente, esta será a primeira vez nos 34 anos de historia dos galardóns que todas as premiadas sexan mulleres: Pilar Tellado Fernández, Ánxela Loureiro Fernández e Ana Pardo de Vera Posada.

    A entrega dos Premios 10 de Marzo terá lugar no Eurostars Gran Hotel Santiago, situado na avenida do Mestre Mateo, e presentará o evento a xornalista Aida Pena Meis.

    Perfís biográficos

    Ana Pardo de Vera, xornalista e filóloga lucense, cunha destacada traxectoria na comunicación, comprometida co xornalismo crítico e a perspectiva de xénero. Foi directora do diario Público entre 2016 e 2019, ademais de colaborar en medios como RTVE e Mediaset. O seu traballo pon en valor a independencia xornalística e a memoria histórica, aspectos clave para unha información plural e de calidade.

    Pilar Tellado, sindicalista con décadas de dedicación á defensa dos dereitos laborais. Desde a súa entrada en CCOO na clandestinidade, traballou activamente na consolidación do sindicato nas industrias químicas de Galicia, representando a clase traballadora tanto no ámbito estatal como europeo. Ademais, destacou polo seu compromiso solidario con causas internacionais, como o apoio a refuxiados da antiga Iugoslavia e a cooperación co pobo cubano.

    Ánxela Loureiro, mestra, escritora e activista, testemuña da represión franquista e loitadora incansable polos dereitos sociais. Viviu en primeira persoa a represión da ditadura, foi detida en varias ocasións e sufriu agresións pola súa actividade reivindicativa. Ademais do seu labor docente, destacou como guionista e autora de teatro infantil, dando visibilidade ás mulleres que loitaron pola democracia.