Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 18 Marzo 2025.

Amelia Pérez: «O cambio xa é inconcibible sen mulleres; sen mulleres, ademais, feministas»

    Este sábado, o Sindicato Nacional de CCOO de Galicia e a súa Fundación entregaron en Santiago de Compostela os Premios 10 de Marzo. Coma cada ano, estes galardóns recoñecen traxectorias vitais que exemplifican o compromiso coa loita sindical, cos dereitos sociais e a igualdade.

    08/03/2025.
    As tres homenaxeadas, acompañadas do presidente da Fundación 10 de Marzo, o secretario xeral confederal e membros da Executiva Nacional de CCOO de Galicia

    As tres homenaxeadas, acompañadas do presidente da Fundación 10 de Marzo, o secretario xeral confederal e membros da Executiva Nacional de CCOO de Galicia

    Nos últimos anos vén sendo costume do sindicato entregar os premios o sábado anterior ao 10 de Marzo, Día da Clase Obreira Galega, polo que nesta ocasión coincidiu co 8M. Precisamente, esta foi a primeira vez nos 34 anos de historia dos galardóns que todas as premiadas sexan mulleres: Pilar Tellado Fernández, Ánxela Loureiro Fernández e Ana Pardo de Vera Posada.

    O acto, conducido pola xornalista Aida Pena Meis, emitiuse en directo a través da canle de YouTube do sindicato.

    Deu a benvida o secretario xeral da Unión Intercomarcal de CCOO de Santiago-Barbanza, Joaquín García. Segundo expresou, este ano son galardoadas «tres mulleres fortes, valentes e loitadoras» e apelou a «lembrar a súa loita e continuar co seu legado».

    O presidente da Fundación 10 de Marzo, Xesús Castro, centrou o seu discurso na necesidade de reivindicar a memoria das mulleres loitadoras que ficaron «silenciadas, ocultas» na Transición democrática. «Debemos ser críticos coa relación entre memoria e xénero», apuntou. «De non facelo, serán dobremente vítimas: dos seus verdugos e de seren borradas da memoria colectiva», advertiu.

    Intervencións das premiadas

    Tras estas intervencións iniciais, intercaláronse as das homenaxeadas. Ánxela Loureiro emocionouse ao lembrar a vida de loita de seu pai e súa nai e a dela mesma e a súa xeración, que viviu en primeira persoa os sucesos do 10 de Marzo. «Eses homes e mulleres viviron sempre coa etiqueta de ‘culpables’. E os represores? Sen mancha ningunha, porque nós non fomos revanchistas».

    «Os represores foron virando a chaqueta conforme a democracia se ía conquistando, que non nola regalaron. E os herdeiros ideolóxicos son hoxe os que falan de ‘liberdade’, lavándolle a cara ao franquismo e dándonos leccións de democracia», enfatizou, antes de lembrar que este ano se cumpren 50 anos da recuperación da democracia.

    Pilar Tellado dedicoulle o Premio 10 de Marzo a distintos compañeiros e compañeiras «que me acompañaron na miña vida sindical» e das cales «aprendín moito». «Este premio, este recoñecemento, reafirma a miña convicción de que, unidos, podemos lograr avances moi significativos en beneficio de todos os traballadores e traballadoras deste país e da sociedade no seu conxunto».

    Rematou cun chamamento á mocidade para que non se resigne, senón que se mobilice, porque os dereitos «conquístanse loitando».

    Ao recoller o seu galardón, Ana Pardo de Vera expresou que «sinto a miña profesión, o xornalismo, como unha forma de vida, pero tamén como un piar da democracia». A este respecto, lamentou o papel que xogan os que se din xornalistas, pero que se «venderon a intereses de poder». Asemade, e co gallo deste 8M, afimou que «o xornalismo, se non é feminista, non é xornalismo, porque non se pode ignorar o 51% da poboación; e por iso a Xustiza tampouco é Xustiza se non é feminista; e a loita sindical non é tal se non é feminista».

    «Son unha firme defensora da necesidade da loita sindical», continuou, lembrando algúns dos fitos e conquistas logrados grazas ao sindicalismo e o traballo realizado ao abeiro da negociación colectiva ou da mobilización social.

    Sindicalismo e democracia

    Na súa intervención, o secretario xera confederal, Unai Sordo, advertiu de que a sociedade se atopa ante «o maior risco reaccionario que viviu Occidente das últimas seis ou sete décadas, non porque vaian emerxer novos fascismos á vella usanza», senón porque «se están configurando sociedades con variables que eran descoñecidas»

    «Estamos ante o risco de que se cuestione o propio concepto de realidade por unha utilización das novas tecnoloxías que poden facer que a verdade e a mentira sexan indistinguibles», advertiu.​ Por iso, destacou que «o xornalismo é máis importante que nunca para discernir a verdade da mentira» e que «o sindicalismo é máis importante que nunca para defender os intereses da clase traballadora».

    Rematou cunha mensaxe optimista, lembrando que «nada está escrito» e chamando a non caer no desánimo porque é do desánimo e na incerteza do que se alimentan os movementos reaccionarios.

    Pechou o acto a secretaria xeral do Sindicato Nacional de CCOO de Galicia, Amelia Pérez, que se expresou en termos similares. Tras salientar o papel do sindicalismo como un dos piares da democracia, xunto co xornalismo, concluíu que «non hai verdadeira democracia sen sindicatos e sen xornalismo».

    Asemade, advertiu sobre os «tempos escuros» nos que vivimos, nos que se precisa máis ca nunca «un ideario colectivo e organizado que loite contra as inxustizas, pola igualdade, pola democracia e pola paz». Fronte a isto, reivindicou o papel das mulleres no sindicalismo, non só como participantes, senón como líderes do cambio, asegurando que «xa é inconcibible sen mulleres; sen mulleres, ademais, feministas».

    Neste sentido, destacou que a data elixida para a entrega dos premios, o 8M, non é casualidade, senón unha reafirmación da relevancia das mulleres na historia e da necesidade de visibilizar o seu papel. Nun contexto onde «a ultradereita cuestiona a loita a prol da igualdade e o feminismo como elemento transformador da nosa sociedade», CCOO reafirma a súa aposta pola igualdade e polo recoñecemento das «matriarcas do País dun tal Breogán».


    Ligazón á retransmisión do acto na canle do sindicato.