Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 2 Maio 2025.

28 de abril - Día Internacional da Seguridade e a Saúde no Traballo

12 meses de sensibilización en prol da igualdade no eido laboral. Definicións do mes de marzo

    Terceira entrega da campaña de sensibilización do Gabinete de Igualdade de CCOO de Galicia.

    27/03/2025.
    Campaña de sensibilización. Definicións do mes de marzo do 2025

    Campaña de sensibilización. Definicións do mes de marzo do 2025

    Trátase dunha campaña de sensibilización para favorecer a incorporación dos conceptos e a terminoloxía sobre a igualdade á comunicación cotiá deste sindicato e das persoas que se achegan á súa web, pois a familiarización cos termos imbuiranos do significado destes conceptos que definen a loita por unha democracia plena.


    Estereotipos de xénero

    Os estereotipos de xénero son ideas preconcibidas e xeneralizadas sobre como deberían ser, sentir ou actuar as mulleres e os homes, atribuídas unicamente pola súa pertenza a un sexo. Estas crenzas —moitas veces asumidas como “naturais”— limitan a liberdade individual, perpetúan as desigualdades e afectan a toma de decisións, desde a elección de xoguetes ata as carreiras profesionais. A linguaxe tamén desempeña un papel clave na súa transmisión, polo que cómpre promover unha comunicación non sexista que cuestione estas representacións e axude a construír unha sociedade máis igualitaria.

    Roles de xénero

    Os roles de xénero definen que tarefas, condutas ou responsabilidades sociais se consideran propias das mulleres ou dos homes. Están baseados en estereotipos e constrúense socialmente, xerando desigualdade. Tradicionalmente, o rol produtivo (relacionado co traballo remunerado) asóciase aos homes, mentres que o rol reprodutivo (coidados e tarefas do fogar) se atribúe ás mulleres. Romper estes esquemas é fundamental para garantir dereitos e liberdades en igualdade.

    Nesgos de xénero

    O nesgo de xénero maniféstase cando as diferenzas entre homes e mulleres non se teñen en conta ou se interpretan de forma desigual, afectando a investigación, as políticas públicas ou as relacións cotiás. Pode ser consciente ou inconsciente, e adoita sustentarse en prexuízos culturais interiorizados. Existen distintos tipos: androcentrismo, insensibilidade de xénero ou dobres estándares. Identificalos e combatelos é clave para avanzar cara a unha sociedade máis xusta.

    Perspectiva de xénero

    Aplicar a perspectiva de xénero supón analizar a realidade tendo en conta as relacións de poder e desigualdade entre homes e mulleres, co obxectivo de transformalas. Vai máis alá da análise das diferenzas biolóxicas: busca desmontar os roles e estereotipos construídos socialmente que condicionan a vida das persoas. Incorporala permite construír vínculos igualitarios, cuestionar a discriminación e avanzar cara á equidade real.