Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 19 Maio 2025.

CCOO alerta do aumento dos accidentes laborais graves e mortais en Galicia: 58 persoas perderon a vida en 2024

    Os sinistros con resultado de morte aumentaron máis dun 166 % entre persoas cun contrato temporal

    23/04/2025.
    Sinistralidade laboral en Galicia no 2024

    Sinistralidade laboral en Galicia no 2024

    O Sindicato Nacional de CCOO de Galicia presentou hoxe en Santiago de Compostela un informe no que se analiza a sinistralidade laboral no último ano. Este acto forma parte das accións informativas e reivindicativas do sindicato con motivo do Día Mundial da Seguridade e a Saúde no Traballo, que se conmemora cada 28 de abril. Armando Iglesias, secretario de Acción Sindical e Saúde Laboral de CCOO, denunciou o incremento dos accidentes mortais e graves na comunidade autónoma respecto do ano anterior e reclamou a adopción de medidas preventivas.

    Segundo detallou, 58 persoas faleceron no 2024 como consecuencia dun accidente laboral, oito máis ca o ano anterior, o que supón un incremento do 16 %. CCOO considera estas cifras «escandalosas» e denuncia que a maior parte das mortes se produciron no sector dos servizos (23), seguido da construción (12), a industria (9), a pesca (7) e a agricultura (7). Só este último sector mantivo a mesma cifra ca no ano anterior. Destaca especialmente a repunta na pesca, que pasa de tres mortes en 2023 a sete en 2024.

    Catro de cada dez mortes, en Pontevedra

    Por provincias, Pontevedra concentra o maior número de falecementos (23), o que supón case un 40 % do total. Seguen A Coruña, con 20; Lugo, con 13; e Ourense, con só dous falecementos. Canto ás causas, o sindicato fixo fincapé en que o 44,8 % das mortes (26 casos) se deben a patoloxías non traumáticas —como infartos, ictus ou derramos cerebrais.

    CCOO sospeita que por tras destes falecementos pode haber factores de carácter psicosocial. Por esa razón, o sindicato pide que estas situacións sexan incorporadas ás avaliacións de riscos laborais e así poder aplicar medidas de prevención.

    Máis accidentes graves

    Outro dos datos preocupantes do informe é o aumento dos accidentes graves (+13,7 %), con 414 casos rexistrados, así como o incremento da sinistralidade entre as mulleres. No 2024 morreron cinco traballadoras, que en termos porcentuais representa unha alza do 25 % respecto ao ano anterior. A tendencia repítese nos accidentes graves, cun incremento do 20 % entre mulleres fronte ao 12,5 % entre homes.

    Máis precariedade, máis sinistralidade

    Desde CCOO tamén se puxo o foco nos contratos: 44 das vítimas mortais tiñan contrato indefinido, oito eran traballadores temporais —cun aumento do 166,7 % neste grupo— e seis eran autónomos. Armando Iglesias advertiu de que a precariedade laboral e a presión produtiva seguen a ser «elementos determinantes» na alta accidentabilidade.

    Absentismo e criminalización

    Armando Iglesias cuestionou o uso do termo «absentismo» por parte da Xunta e das organizacións empresariais para «criminalizar as persoas que faltan ao traballo por enfermidade». O sindicalista lembrou que a duración media dunha baixa laboral en Galicia foi de 74 días, a segunda máis alta do Estado, e responsabilizou da situación tanto o Goberno galego como a certos empresarios, ben sexa pola falta de prevención real nos centros de traballo ou pola deterioración da sanidade pública —con longas listas de espera, de ata un ano, para consultas e intervencións cirúrxicas.

    O sindicato esixiu máis medios para a inspección de traballo e inspección médica, e advertiu de que moitos accidentes e enfermidades están sendo derivados á sanidade pública, o que supón «unha fraude e un prexuízo directo tanto para as persoas afectadas como para o sistema». Por último, Iglesias insistiu en que «esta situación non a provocan as traballadoras e traballadores, senón a inacción institucional e a falta de responsabilidade empresarial».