Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 30 Abril 2025.

28 de abril - Día Internacional da Seguridade e a Saúde no Traballo

CCOO ante a apagada eléctrica

    O Sindicato lembra que este apagamento non ten que afectar os dereitos laborais e pose ao dispor de todos os traballadores e traballadoras a estrutura sindical de CCOO

    29/04/2025.
    CCOO ante a apagada eléctrica

    CCOO ante a apagada eléctrica

    Con motivo do apagamento eléctrico xeneral que onte, 28 de abril de 2025, sufriu o conxunto da península Ibérica e que aínda hoxe provoca afectacións importantes na vida cotiá da cidadanía e as empresas do noso país, CCOO de Galicia pide que as administracións públicas traballen con celeridade, rigor e transparencia para aclarar os motivos do apagamento, para evitar a propagación de desinformación e porque se establezan as medidas e os investimentos necesarios que eviten que isto volva pasar.

    O Sindicato lembra que este apagamento non ten que afectar os dereitos laborais e pose ao dispor de todos os traballadores e traballadoras a estrutura sindical de CCOO e os seus servizos xurídicos e de asesoramento para resolver calquera dúbida ou incidencia.

    Todos os nosos locais, as seccións sindicais de empresa e os delegados e delegadas do sindicato están activos e traballan ao servizo de toda a afiliación e do conxunto de traballadores e traballadoras.

    CCOO agradece a tarefa dos miles de traballadores e traballadoras que estiveron activos toda a tarde de onte e durante a noite e madrugada de hoxe para poder recuperar a normalidade e atender as emerxencias. Así mesmo, comprendemos o malestar ou a indignación das persoas que viron alterada a súa normalidade e apelamos á organización, responsabilidade e transparencia de todo o mundo, poderes públicos e empresas privadas moi especialmente, para restablecer esta normalidade canto antes mellor.

    Un golpe máis, como sucedeu durante a pandemia ou noutras situacións de emerxencia, queda claro que os traballos esenciais e a responsabilidade, organización, solidariedade e axuda mutua dos traballadores e traballadoras e do conxunto da cidadanía son clave para poder reaccionar ante situacións adversas.

    Guía laboral de CCOO ante a apagada eléctrica

    Con motivo da apagada eléctrica xeral que afectou a toda a península ibérica o 28 de abril de 2025, CCOO pon ao dispor dos traballadores e as traballadoras e mais da opinión pública xeral a seguinte información recompilada polos seus servizos xurídicos e de asesoramento:

    Que pasa se non podo traballar porque non funciona o transporte público nin teño medio propio?

    Se che é imposible desprazarte por problemas no transporte público e privado, comunícalle por escrito o máis axiña posible esta situación á empresa para evitar posibles sancións por ausencia. Fai tamén esta comunicación se non podes chegar ao traballo á hora en que tes que chegar por culpa dos problemas para desprazarte.Como indica o artigo 37.3.g do Estatuto dos Traballadores, as persoas traballadoras poden ausentarse ata catro días por imposibilidade de acceder ao centro de traballo debido a situacións como catástrofes ou fenómenos meteorolóxicos adversos. Neste caso, a apagada eléctrica xeneralizada considérase unha causa válida. Ademais, o permiso pode prolongarse de persistiren as circunstancias que o xustificaron.

    Poden descontarme salario ou facer recuperar tempo perdido no traballo ou por chegar tarde?

    Se a falta ao traballo é por motivos familiares de forza maior (quedar cos nenos ou con persoas dependentes, por carencia de servizos escolares ou de atención á dependencia, ou por carencia de transporte para acompañalos), o permiso é retribuído e non require de preaviso, mesmo se non está especificamente recollido no convenio colectivo ou acordo de empresa.Esta medida inclúese no Estatuto dos Traballadores, no artigo 37.9, que permite ás persoas traballadoras o dereito a se ausentaren ata catro días ao ano por motivos de forza maior relacionados con familiares ou persoas conviventes.

    E se falto ao traballo por outras circunstancias relacionadas coa apagada?

    A apagada eléctrica xeneralizada considérase unha causa de forza maior. En ausencia de regulación específica no convenio colectivo, a túa representación sindical debe negociar coa empresa para evitar descontos salariais ou a obriga de recuperar as horas non traballadas.

    E se o meu convenio non regula as situacións de forza maior?

    No suposto de que o teu convenio colectivo non regule estas situacións, nin a persoa traballadora nin a empresa son responsables da situación. A representación das persoas traballadoras ten que pactar coa empresa que non se desconte ningún soldo nin se recuperen as horas por chegar tarde ou por non poder chegar ao traballo.

    E se os compañeiros e compañeiras que me teñen que remudar no traballo non poden chegar?

    Non é necesario que permanezas no posto de traballo se a remuda non pode chegar, agás se traballas en actividades esenciais ou cando a túa ausencia poida comprometer a seguridade das persoas ou instalacións (por exemplo, hospitais ou centrais nucleares).

    Que teño que facer se me envían á casa na metade da xornada porque non se pode traballar sen electricidade?

    Se a empresa te envía para a casa sen rematares a túa xornada, debe asumir o salario correspondente ás horas non traballadas. Ademais, calquera modificación da xornada laboral debe ser comunicada cun preaviso de cinco días, segundo o artigo 34.2 do Estatuto dos Traballadores.E se realizo teletraballo?Se estás teletraballando e non podes desempeñar as túas funcións debido á apagada, o tempo perdido debe considerarse como tempo efectivo de traballo, sen necesidade de compensación posterior se a causa é allea ás persoas traballadoras.

    Pódese activar un ERTE pola situación de apagada eléctrica?

    As empresas poden solicitar un ERTE por forza maior debido á apagada eléctrica xeneralizada, mediante o seguinte trámite: Procedemento de despedimento colectivo, de suspensión de contratos e de redución de xornada (arts. 47 e 51 ET).

    A solicitude debe incluír unha memoria xustificativa e, nalgúns casos, un informe da Inspección de Traballo. O procedemento debe resolverse nun prazo de cinco días hábiles, e o silencio administrativo enténdese como positivo.