Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 3 Maio 2025.

12 meses de sensibilización en prol da igualdade no eido laboral. Definicións do mes de abril

    Nova entrega da campaña de sensibilización do Gabinete de Igualdade de CCOO de Galicia.

    29/04/2025.
    Campaña 12 meses pola igualdade

    Campaña 12 meses pola igualdade

    Trátase dunha campaña de sensibilización para favorecer a incorporación dos conceptos e a terminoloxía sobre a igualdade á comunicación cotiá deste sindicato e das persoas que se achegan á súa web, pois a familiarización cos termos imbuiranos do significado destes conceptos que definen a loita por unha democracia plena.


    SINDICATO FEMINISTA

    Foi no 2021 cando as CCOO de España, a través da Confederación Sindical de CCOO, se declararon por primeira vez e estatutariamente (nos documentos congresuais) sindicato feminista. Os avances ata chegar a esta declaración foron sempre pioneiros neste sindicato, pois xa desde o ano 1993 se recollía a súa definición como «sindicato de homes e mulleres», recoñecendo así a participación e a capacidade de loita das mulleres que compoñen esta organización sindical obreira e de clase.

    FENDA DE XÉNERO

    Refírese, en calquera ámbito, ás diferenzas entre mulleres e homes nos seus niveis de participación, acceso, dereitos, remuneración ou beneficios.

    Desde o punto de vista da estatística, a fenda de xénero defínese como as diferenzas entre as taxas masculinas e femininas nunha variable. Calcúlase restándolle á taxa feminina a masculina, e a súa interpretación é ben simple: canto menor é a cifra, maior é a igualdade.

    Algúns exemplos da fenda atopámolos nos cargos de responsabilidade máis altos de empresas e de gobernos, onde o número de mulleres, en xeral, é sempre inferior, a non ser que se estipulen accións de discriminación positiva, como unha cota de acceso prioritario das mulleres.

    Se o indicador é o emprego do tempo, a fenda de xénero equivale a 30,7 puntos porcentuais. En España, as mulleres dedican arredor da metade do seu tempo libre ao traballo doméstico e de coidados, mentres que os homes apenas lle dedican o 17 % (dato que corrobora a absoluta falta de corresponsabilidade de xénero en temas de conciliación).

    Outro exemplo claro está na fenda salarial, que se pretende solucionar coa aplicación dos RDL 901 e 902/2020.

    Máis información no documento anexo.