Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 16 Maio 2025.

Amelia Pérez: «En tempos de incerteza, os sindicatos debemos achegar esperanza»

    O Sindicato Nacional de CCOO de Galicia celebra este xoves e o venres, días 15 e 16 de maio, o seu 13.º Congreso Nacional, que leva por lema «Avanzamos CCOO cambio». En declaracións aos medios de comunicación, a secretaria xeral saínte e candidata á reelección, Amelia Pérez, destacou que «este é un Congreso onde facemos análise do labor dos últimos catro anos e debatemos as liñas de actuación para o próximo período». Entre os retos máis inmediatos sinalou a redución de xornada, o combate dos discursos do odio e a implicación da mocidade no ámbito sindical.

    15/05/2025.
    No inicio desde 13.º Congreso Nacional, Amelia Pérez destacou o papel dos sindicatos

    No inicio desde 13.º Congreso Nacional, Amelia Pérez destacou o papel dos sindicatos

    Canto á primeira das cuestións, Amelia Pérez explicou que CCOO leva tempo traballando no ámbito confederal para conseguir que se fixe unha xornada semanal máxima de 37,5 horas. O proxecto de lei xa foi aprobado polo Consello de Ministros, mais precisa da ratificación das Cortes.

    A sindicalista expresou que «xa vai sendo hora de que se aprobe esa redución ás 37,5 horas semanais» e criticou «as incoherencias dalgún partido político» neste debate. «A xente que está en política debe ter claro que ten que mellorar a vida da xente para que o país avance. Ese é o sentido no que CCOO traballa», afirmou.

    O importante papel dos sindicatos

    No seu discurso, Pérez defendeu o papel esencial das organizacións sindicais. «Somos imprescindibles para que o país avance. Nun contexto de incertezas como no que estamos, os sindicatos debemos achegar esperanza. Imos seguir defendendo a organización da clase traballadora e mellorar a vida da xente».

    A secretaria xeral reivindicou tamén a continuidade dos valores fundacionais da organización. «Os principios reitores que nos moven son os mesmos ca os daqueles que nos precederon e arriscaron a vida para traer a democracia. Temos que seguir con ese mesmo compromiso, militancia e, asemade, paixón e ilusión para seguir traballando por este país».

    Situación de Alcoa

    A candidata a repetir como secretaria xeral foi interpelada polos últimos pronunciamentos da multinacional Alcoa, desvinculándose dos compromisos asinados se non se lle garante estabilidade enerxética. Ao respecto, Amelia Pérez foi clara: «unha vez máis, Alcoa aproveita a conxuntura para facer presión». Reivindicou que «CCOO non vai renunciar a que Alcoa siga estando en Galicia» e esixiu o compromiso das Administracións públicas. «Imos opoñernos frontalmente a calquera tentativa de non cumprir o que está asinado ou a non comprometerse co futuro da fábrica», concluíu.

    Inauguración do Congreso

    Abriu o Congreso a proxección dun vídeo homenaxe a Xan María Castro Paz, ex secretario xeral do sindicato e falecido a finais do 2023. A seguir, tomaron a palabra o secretario xeral da Unión Intercomarcal de Santiago-Barbanza de CCOO, Joaquín García; o conselleiro de Emprego, José González; o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco; e a primeira tenenta de alcaldesa do Concello de Santiago, María Rozas. Tamén interviñeron o presidente do Consello Económico e Social, Manuel Pérez; a presidenta do Consello Galego de Relacións Laborais, Antía Sández; o director territorial da Inspección de Traballo, Demetrio Fernández; e o secretario xeral de UGT-Galicia, Cristóbal Medeiros.