Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 16 Xuño 2025.

CCOO esíxelle ao Goberno de España solucións para as oficinas de estranxeiría

    CCOO convocou para este luns, 19 de maio, unha folga de dúas horas en todas as oficinas de estranxeiría do Estado, así como concentracións diante das Subdelegacións do Goberno. O obxectivo, esixir solucións para os problemas estruturais que están sen resolver.

    19/05/2025.
    Concentración diante da Subdelegación do Goberno en Ourense

    Concentración diante da Subdelegación do Goberno en Ourense

    O sindicato denuncia que as medidas anunciadas polo Goberno de España son insuficientes e chegan tarde. Malia que se prevé incorporar 750 novos traballadores e traballadoras, o propio Executivo central recoñece que o persoal non estará dispoñible ata finais de ano. Isto deixa sen reforzos ás oficinas xusto cando entra en vigor o novo Regulamento de Estranxeiría, mañá martes, 20 de maio.

    A situación das oficinas de estranxeiría en Galicia exemplifica o colapso que denuncia o sindicato. Só no ano 2024, resolvéronse máis de 33 000 expedientes con cadros de persoal «claramente insuficientes», con varias vacantes:

    — A Coruña: 15 430 expedientes resoltos e catro vacantes.

    — Lugo: 4 765 expedientes e dúas vacantes.

    — Ourense: 3 826 expedientes e dúas vacantes.

    — Pontevedra: 9 402 expedientes e catro vacantes.

    CCOO esixe solucións «inmediatas e eficaces» para evitar o colapso dun servizo esencial e garantir unhas condicións laborais dignas para o persoal.