Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 24 Maio 2025.

12 meses de sensibilización en prol da igualdade no eido laboral. Definicións do mes de maio

    Nova entrega da campaña de sensibilización do Gabinete de Igualdade de CCOO de Galicia.

    23/05/2025.
    Definicións do mes de maio. Campaña '12 meses pola igualdade'

    Definicións do mes de maio. Campaña '12 meses pola igualdade'

    DIVISIÓN SEXUAL DO TRABALLO

    A sociedade patriarcal organiza a distribución do traballo e dos coidados segundo os roles de xénero: partindo da construción social estereotipada dos roles produtivo e reprodutivo, asígnalles aos homes o espazo público (onde se desenvolve o traballo produtivo) e ás mulleres o espazo privado (onde se desenvolve o traballo reprodutivo). A interiorización destes roles é tal que se considera que corresponden, en realidade, á natureza e capacidades de mulleres e de homes. Ademais, ao reprodutivo atribúeselle unha valoración social inferior, e isto implica que esa división sexual do traballo se traduza nunhas relacións xerárquicas de poder e, polo tanto, en desigualdade.

    SEGREGACIÓN HORIZONTAL

    A segregación do traballo por razón de xénero supón que as mulleres e os homes teñan un acceso diferencial aos postos de traballo, ás ocupacións e á formación universitaria, xeralmente baseado nos nesgos de xénero.

    Consiste na inserción das mulleres no mercado de traballo en determinados sectores ou ocupacións asociados ás características da feminidade (coidados, empatía, debilidade, etc.) e menos valorados socialmente.

    SEGREGACIÓN VERTICAL

    Supón a concentración de mulleres ou de homes en determinados lugares de traballo, dentro dos diferentes niveis xerárquicos (tanto nas empresas como nas universidades ou nos centros de investigación). Dentro de cada sector, agrúpanse as mulleres en determinados postos ou categorías profesionais que comportan menor grao de responsabilidade na xerarquía ocupacional.

    Así, nesta segregación ocorre que as mulleres acceden con moita maior dificultade aos postos de responsabilidade, como poden ser, no eido da investigación, as xefaturas de departamentos ou equipos.

    CURRÍCULO OCULTO

    Trátase dun compendio de normas, costumes e crenzas que van alén do que se establece nos currículos das distintas etapas educativas; non se centra na transmisión de contidos establecidos e marcados polas leis educativas, senón que se relaciona coa propia sociedade, as súas normas e valores, pero tamén co desenvolvemento persoal do alumnado. Isto é o que o converte nunha fonte de reprodución dos estereotipos de xénero e por iso é importante prestar especial atención á súa transmisión, pois resulta evidente que na base deste currículo atoparemos, entre outros, os nesgos de xénero.


    Máis información no documento anexo.