Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 15 Xuño 2025.

28 de Maio - Día Internacional de Acción pola Saúde das Mulleres

    Un ano máis, desde as CCOO de Galicia reivindicamos a necesidade de visibilizar a problemática que o machismo e os nesgos inconscientes de xénero causan na saúde das mulleres por todo o mundo.

    27/05/2025.
    28 de maio, Día Internacional de Acción pola Saúde das Mulleres

    28 de maio, Día Internacional de Acción pola Saúde das Mulleres

    Continuar empregando o home como «suxeito universal», cando múltiples investigacións e análises xa probaron que este non é tal, segue a causar unha forte fenda entre a saúde física e mental de mulleres e homes.

    Este día reivindica a necesaria aplicación transversal da perspectiva de xénero, tanto na investigación científica como médica, en especial nas ciencias da saúde e da farmacéutica, así como nas dos riscos laborais e de enfermidades profesionais.

    Ademais de ser un imperativo legal, é unha cuestión de dereitos humanos: é unha cuestión de igualdade de trato no fundamental dereito á vida.

    Esta fenda na saúde explica unha moi elevada porcentaxe de diagnoses erradas e o exceso de medicación ao que son sometidas moitas traballadoras, cuxas enfermidades profesionais se confunden ou mesturan con doenzas consideradas erroneamente de mulleres (isto é, derivadas do feito de ser muller e non de factores externos). Este tratamento patriarcal das doenzas por sexos é a orixe, entre outras cousas, dunha interpretación de mínimos no recoñecemento destas como enfermidades profesionais e, malia a insistencia de CCOO, ao non recollelas como tal no regulamento correspondente, fomentan a desigualdade no acceso aos dereitos derivados dese recoñecemento e, en definitiva, contribúen á fenda salarial (especialmente, a das pensións). 

    A loita das CCOO pola aplicación da perspectiva de xénero neste senso está a promover melloras e cambios significativos nalgúns dos sectores máis feminizados, pero aínda estamos moi lonxe dun verdadeiro tratamento equitativo e igualitario das mulleres no terreo da saúde, incluída a saúde laboral, pois, ao se tratar de doenzas derivadas de postos de traballo feminizados —que, prexuizosamente, son considerados de «baixo risco»—, faltan a visibilización e unha formación específica das persoas que analizan eses riscos.

    As CCOO incorporamos hai anos a perspectiva de xénero na nosa loita, desenvolvendo un compromiso a través da negociación colectiva, pero tamén instando as Administracións a que avancen máis rápido nesta materia.

    Entre outras, traballamos a proposta específica de ampliar e revisar con perspectiva de xénero a listaxe de enfermidades profesionais; tamén promovemos de xeito transversal o desenvolvemento de leis e regulamentos de igualdade que insistan na obriga de revisar a saúde psicosocial na avaliación de riscos dos postos de traballo nas empresas; facemos forza para incorporar a obriga das empresas de establecer protocolos de actuación fronte aos acosos sexuais e por razón de sexo que protexan as traballadoras; ou procuramos a negociación, no seo dos plans de igualdade, de protocolos de protección da maternidade.

    Coma sempre que falamos de fendas, CCOO quere recordar que a perspectiva de xénero cuestiona os estereotipos con que se nos educa, abrindo a posibilidade de elaborar novos contidos de socialización e relación entre os seres humanos. A súa aplicación corrixirá parte dos desequilibrios que existen entre mulleres e homes, tamén no relativo aos riscos laborais e á saúde. 

    Así mesmo, temos que instar as empresas a erradicar a división sexual do traballo. Nas negociacións de plans de igualdade e dos convenios colectivos debemos incluír medidas e incentivos que repercutan no desenvolvemento dunha sociedade máis igualitaria, onde homes e mulleres comprendan a necesidade de que a saúde e a prevención de riscos laborais se analicen e discutan desde a perspectiva de xénero. 

    Para que esta defensa da saúde de todas as persoas en igualdade de condicións e tratamento sexa efectiva, reivindicamos que tanto as empresas como as persoas traballadoras coñezan a lexislación que recolle os requisitos mínimos de obrigado cumprimento. 

    En moitas empresas e organizacións, a estruturación do traballo segue respondendo ao modelo dun empregado varón, así que é lóxico que a revisión de riscos no posto sexa cega ao xénero. Por iso avogamos por unha negociación colectiva que se esforce na desmasculinización de todos os dereitos e medidas establecidas na regulación (lexislativa e de convenio) sobre a saúde laboral e a prevención de riscos, para superar definitivamente ese falso suxeito universal baseado no androcentrismo e, polo tanto, ineficaz.

    Desde CCOO defendemos a igualdade na saúde fronte a unha realidade médica aínda reticente: as mulleres levan décadas sufrindo por ese déficit na consideración dun suxeito universal que, en realidade, non o é. Ademais, este modelo «universal» (home, mozo ou de mediana idade, sen responsabilidades familiares) non é só discriminatorio para as mulleres, tamén o é para todas as persoas que non se corresponden con ese suxeito androcéntrico (trans, intersexuais...). Por iso loitamos para que a saúde se conciba nun sentido amplo, entendéndoa como dereitos dirixidos a todas as persoas traballadoras. 

    En definitiva, un ano máis, as CCOO aproveitamos este día para insistir na imprescindible reivindicación por unha saúde laboral equitativa, especialmente nos empregos!