Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 15 Xuño 2025.

CCOO esixe responsabilidade institucional e mediática tras a dimisión de Alfonso Villares

    O Sindicato Nacional de CCOO de Galicia manifesta o seu rexeitamento polo tratamento que se está a dar á dimisión do xa ex-conselleiro do Mar, Alfonso Villares, despois de facerse pública unha denuncia por suposta agresión sexual. Trátase duns feitos que, de confirmarse, «serían de extrema gravidade». Ao respecto, o sindicato agarda que se esclarezan canto antes, «con todas as garantías xurídicas e respectando os dereitos das partes implicadas».

    05/06/2025.
    CCOO esixe respecto para as vítimas que denuncian violencias machistas

    CCOO esixe respecto para as vítimas que denuncian violencias machistas

    Non obstante, CCOO fai un chamamento á «responsabilidade» á hora de tratar este tipo de informacións, tanto aos medios de comunicación públicos coma privados. «En ningún caso se debe poñer o foco sobre a vítima», de quen se difundiu a identidade «practicamente ao tempo que se fixo pública a dimisión de Villares». Esta exposición pública «vulnera os dereitos da denunciante e pode contribuír a un contexto de revitimización», incide o sindicato.

    Así mesmo, CCOO lamenta a cobertura que se deu ao caso desde a Corporación Radio e Televisión de Galicia (CRTVG). Sinala que a televisión pública foi «dos últimos medios» en informar sobre a dimisión de Villares, malia que xa estaba recollida «incluso en medios estatais».

    Apunta que, no caso concreto da Televisión de Galicia, non se interrompeu a programación habitual e que a noticia non se incluíu ata o TeleXornal Serán. A cobertura da Radio Galega tamén resulta obxecto de crítica por parte do sindicato, que cualifica de «vergoñento» o tratamento nos espazos de análise e debate, tanto na tarde de onte como na mañá de hoxe. CCOO considera que se «pasou de perfil» sobre o escándalo, dando relevancia á decisión de dimitir e cualificándoa mesmo como «de dez», sen facer mención ás acusacións que motivaron esa dimisión.

    O sindicato dirixe tamén unha crítica ao presidente da Xunta e ao equipo de Villares. Considera «desacertadas» as imaxes de despedida nas que o ex-conselleiro foi aplaudido polo seu equipo, lembrando «episodios recentes que xeraron rexeitamento social». CCOO reprocha que o presidente Alfonso Rueda non fixese ningunha alusión de apoio ou empatía cara á suposta vítima na súa intervención pública, centrando as súas palabras en louvar a figura de Villares e expresar o desexo de «recuperalo» para a vida política. Para Comisións, esta actitude pon de manifesto «prioridades equivocadas e falta de sensibilidade institucional».

    CCOO de Galicia reitera o seu compromiso firme na loita contra as violencias machistas e lembra que a resposta institucional e mediática ante este tipo de casos debe estar guiada polo respecto, a responsabilidade e a defensa dos dereitos das vítimas.