Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 29 Xuño 2025.

CCOO-Ensino, ANPE e UGT levan aos Xulgados a non execución do Acordo educativo

    Esta mañá, CCOO-Ensino, ANPE e UGT-SP presentaron nos Xulgados de Santiago de Compostela un recurso contencioso-administrativo contra a Consellaría de Educación polos reiterados incumprimentos do Acordo sobre medidas de mellora no sistema educativo público galego.

    17/06/2025.
    Os representantes de ANPe, UGT e CCOO presentaron a demanda nos Xulgados de Santiago de Compostela

    Os representantes de ANPe, UGT e CCOO presentaron a demanda nos Xulgados de Santiago de Compostela

    A decisión chega tras esgotar todos os trámites administrativos —incluída unha queixa á Valedora do Pobo— e constatar múltiples vulneracións: desde a paralización da redución de ratios, ata a limitación de desdobramentos ou a redución do profesorado de apoio, especialmente tras a aprobación da Lei 5/2024.

    De terse aplicado o Acordo na súa integridade, este curso escolar contaríase con 282 aulas e ata 396 docentes adicionais, que se sumarían aos 556 xa incorporados, chegando a un incremento total de 952 efectivos.

    Entre os incumprimentos máis graves destacan os relacionados coa ratio en aulas mixtas e co cómputo de alumnado con necesidades educativas especiais, con 110 e 67 centros afectados, respectivamente. A Instrución 2/2025 exemplifica esta actitude obstrucionista da Administración.

    Malia esta situación, os sindicatos non retiraron a súa sinatura do acordo —como reclaman organizacións que non o rubricaron—, pois implicaría renunciar a avances xa consolidados e provocar importantes retrocesos:

    – redución de 556 docentes este curso;

    – supresión de ata 204 aulas e 300 postos;

    – volta ás ratios de 25 en Infantil e Primaria e incremento en mixtas (de 14 a 25);

    – supresión do cómputo dobre/triplo de alumnado con necesidades especiais (NEAE);

    – incremento de dúas horas lectivas semanais para o profesorado;

    – recortes salariais por sexenios e equipos directivos;

    – supresión de axudas á formación e licenzas para estudos universitarios;

    – paralización da aplicación progresiva de ratios en Secundaria e Bacharelato;

    – freo ao plan de racionalización burocrática e ás reunións telemáticas.

    No actual contexto de descenso demográfico —con case 3000 alumnos menos cada curso—, o Acordo evitou a perda de máis de 800 aulas e 1200 docentes nos vindeiros tres anos. Só neste curso, rompeuse a tendencia: creáronse 10 aulas e 21 postos definitivos fronte á destrución acumulada de 239 aulas e 334 postos en cursos anteriores.

    As organizacións asinantes reafirman a súa folla de ruta: denuncia pública, mobilización, acción institucional e vía xudicial. Porque cumprir os acordos non é unha opción, é unha obriga.