Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 2 Xullo 2025.

CCOO impulsa unha xornada para combater a LGTBIQA+fobia nos centros de traballo

    O Sindicato Nacional de CCOO de Galicia organizou este mércores, en Santiago de Compostela, unha xornada de sensibilización centrada na loita contra os acosos LGTBIQA+fóbicos no ámbito laboral. Baixo o título Actuando fronte aos acosos na empresa: medidas LGTBIQA+ na negociación colectiva, a iniciativa combinou visións procedentes da Administración pública, do movemento asociativo e do sindicalismo.

    25/06/2025.
    Xornada de CCOO para combater a LGTBIQA+fobia nos centros de traballo

    Xornada de CCOO para combater a LGTBIQA+fobia nos centros de traballo

    A apertura correu a cargo de María Barcia, secretaria de Mulleres, Políticas de Igualdade e LGTBIQA+ de CCOO. Destacou que Comisións Obreiras é un sindicato de clase que atende todas as persoas traballadoras, «sen facer ningún tipo de distinción». Subliñou tamén que é parte do traballo sindical converter os centros de traballo nuns contornos seguros, tamén para as persoas LGTBIQA+.

    A sindicalista tamén fixo unha reflexión canto ás mensaxes que moitas veces se escoitan e que «non son inocuas». Neste sentido, igual que «non existen os micromachismos», enfatizou que non hai ningunha expresión LGTBIQA+fóbica que teña menor gravidade ca outra: «todas son igual de censurables».

    Seguiu unha intervención de María Quintiana Pérez, directora xeral de Promoción da Igualdade da Xunta, quen puxo o foco na importancia do «diálogo aberto» co tecido asociativo e na formación específica no ámbito laboral para previr e combater a discriminación. Destacou tamén os esforzos da Administración para mellorar a atención ás persoas LGTBIQA+ desde os Centros de Información ás Mulleres (CIM), especialmente ao colectivo trans, «que é o que ten maiores dificultades de inserción laboral».

    No tocante á Administración autonómica, puxo en valor os cursos impartidos na Escola Galega de Administración Pública (EGAP) e o protocolo de atención do Sergas. Para Quintiana, «visibilizar e sensibilizar é fundamental», e cómpre facelo «desde a empatía».

    A seguir, Pablo Zas Varela, da asociación ALAS A Coruña, afondou na diversidade sexual e de xénero nos centros de traballo, introducindo conceptos básicos como a dicotomía sexo-xénero, a expresión de xénero, os estereotipos, a linguaxe inclusiva ou a identidade de xénero.

    Malia recoñecer que aínda queda moito por facer, destacou avances como que o 75 % das persoas LGTBIQA+ xa son visibles nos seus centros de traballo —segundo un estudo recente— e que máis do 60 % delas valoran positivamente a existencia de medidas e protocolos específicos nas empresas. Sinalou que sería «moi importante» que todas as empresas contasen con políticas inclusivas e que as dean a coñecer xa desde o acceso ao emprego, como mecanismo de acollida e seguridade.

    Canto ao papel dos sindicatos, salientou que as persoas sindicalistas son «a referencia» dentro da empresa para o colectivo e avogou por que, ante un caso de discriminación, sexa o sindicato quen asuma a portavocía e xestione a denuncia pública, evitando expoñer a vítima.

    Posteriormente, María Barcia fincapé nas tres principais accións sindicais neste eido: información, formación e sensibilización. Tamén considerou «moi importante» integrar as persoas LGTBIQA+ na acción sindical de Comisións Obreiras e a seguir traballando para facer visibles as persoas do colectivo. Por este motivo, sinalou que xornadas como a de hoxe, «que terán continuidade, son moi importantes».

    Por outra banda, lamentou que «nas contornas laborais segue sendo a norma invisibilizar as persoas LGTBIQA+», especialmente en pequenas empresas ou concellos pequenos. Por este motivo, apelou a seguir traballando desde a negociación colectiva para a inclusión de cláusulas de igualdade, pola elaboración de protocolos contra calquera forma de discriminación e por seguir facendo das persoas sindicalistas a referencia na empresa para denunciar calquera conduta lesiva.

    A xornada rematou coa intervención da secretaria xeral de CCOO Galicia, Amelia Pérez Álvarez, quen reivindicou o sindicato como unha organización «de vangarda» que sempre estivo á fronte das máis diversas loitas sociais «e tamén o está e estará nesta cuestión». Apostou por que a sensibilización comece «desde ben cedo, nas escolas, educando na diversidade». No ámbito da negociación colectiva, defendeu unha maior presenza de persoas LGTBIQA+ nas mesas negociadoras, para lograr enfoques máis axeitados e medidas máis eficaces, comezando pola propia linguaxe. Subliñou que CCOO, a través do seu Gabinete de Igualdade, seguirá facilitando ferramentas ás delegadas e delegados sindicais «para seguir avanzando nesta loita que para nós é tan importante».

    Con esta actividade, o Sindicato Nacional de CCOO de Galicia reforza o seu compromiso cunha acción sindical que integre a loita contra a discriminación e promova espazos laborais seguros e inclusivos para todas as persoas, sexa cal for súa orientación sexual ou identidade de xénero.