Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 12 Setembro 2025.

CCOO reclámalles á Coruña, Santiago e Vigo un diálogo sobre a taxa turística e critica a exclusión sindical do debate

    Comisións Obreiras (CCOO) dirixiuse hoxe aos Concellos da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo para reclamarlles a apertura dun diálogo sobre a taxa turística e afearlles a exclusión sindical do debate. O sindicato denuncia que, mentres na maioría dos casos se consultou ás asociacións empresariais do sector turístico e hostaleiro, non se deu a mesma oportunidade aos sindicatos, representantes lexítimos das persoas traballadoras. Esta exclusión impide un debate equilibrado e limita a posibilidade de que a voz do persoal do sector sexa escoitada.

    11/08/2025.
    CCOO reclama participación sindical sobre a taxa turística | Foto: Pixabay

    CCOO reclama participación sindical sobre a taxa turística | Foto: Pixabay

    «O turismo non pode construírse só escoitando ás patronais; as persoas traballadoras tamén deben ter voz. Apostamos por un diálogo aberto e claro que leve a un modelo turístico máis xusto, sustentable e beneficioso para todos e todas», sinalan tanto a Federación de Servizos de CCOO como as Unións Comarcais de CCOO da Coruña, Santiago-Barbanza e Vigo.

    CCOO defende que, se se xestiona de forma axeitada, a taxa turística pode ser unha ferramenta útil para reforzar a sustentabilidade e o equilibrio do modelo turístico. Por iso, reclama que os recursos obtidos se destinen prioritariamente a mellorar os servizos públicos básicos —que soportan a presión engadida derivada do turismo—; reforzar as condicións laborais no sector; e investir na conservación do patrimonio e na mellora de servizos como transporte, limpeza ou seguridade cidadá.