Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 21 Agosto 2025.

Piden a destitución dos responsables dos informativos da radiotelevisión galega

    O comité intercentros da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia (CSAG), a antiga CRTVG, reclama o cesamento inmediato do director e da subdirectora dos servizos informativos, Alejandro López Carballeira e Marta Darriba Quintián, pola «desaparición» da televisión e radio públicas na cobertura dos maiores incendios da historia do país.

    19/08/2025.
    Traballador da CRTVG cunha pancarta reivindicativa | Foto: Arquivo CCOO

    Traballador da CRTVG cunha pancarta reivindicativa | Foto: Arquivo CCOO

    A representación legal do persoal acusa a dirección de «inacción deliberada» e de deixar a cidadanía galega sen a referencia informativa que se agarda dun medio público nun momento de extrema emerxencia.

    Segundo o comité, os servizos informativos limitaron a súa intervención a «escasos especiais» emitidos en bucle, coa única pretensión de, máis adiante, poder «xustificar no Parlamento» unha cobertura que cualifican de «nefasta». Entenden que a poboación tivo que recorrer aos medios estatais para obter información sobre os lumes que arrasan boa parte do territorio galego.

    O órgano de representación do persoal insta a nova directora xeral, Concepción Pombo Romero, a asumir en primeira persoa a xestión da crise e a substituír os actuais responsables por profesionais «capaces de liderar a situación». Reclaman un «xiro radical» na cobertura que permita recuperar á CSAG como verdadeiro servizo público, con información en tempo real, rigorosa e centrada nas necesidades da poboación afectada.

    Ademais, o comité demanda que a dirección xeral abandone o papel «propagandístico» a prol do Goberno que preside Alfonso Rueda e coloque definitivamente os medios públicos ao servizo da cidadanía. Lembran tamén que a crise evidenciou a irresponsabilidade do desmantelamento das delegacións territoriais, especialmente en Ourense, onde a falta de equipos dificulta cubrir o que sucede en aldeas evacuadas ou arrasadas polo lume.

    «A actual situación supón unha vergoña para quen traballa na radiotelevisión galega», conclúe o comité, que confía en que a nova dirección dea un cambio de rumbo para recuperar o papel de servizo público que nunca se debeu perder.