Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 12 Setembro 2025.

CCOO e UGT saíron á rúa para apoiar a redución da xornada laboral ás 37,5 horas

    O S. N. de CCOO de Galicia e UGT-Galicia convocaron este mércores, 10 de setembro, concentracións nas catro provincias galegas para amosar o apoio ao proxecto de lei de redución da xornada laboral ás 37,5 horas.

    10/09/2025.
    Concentración na Coruña pola redución da xornada laboral (10/9/2025)

    Concentración na Coruña pola redución da xornada laboral (10/9/2025)

    O acto central foi na Coruña, ás 11:30, diante da Delegación do Goberno, e contou coa presenza doa secretaria xeral de CCOO, Amelia Pérez, e o seu homólogo da UGT, Cristóbal Medeiros. Tamén houbo mobilizacións en Lugo, Ourense e Vigo.

    Beneficiaría especialmente as mulleres

    A redución da xornada é unha medida que podería beneficiar a case 13 millóns de persoas do sector privado en todo o Estado, moitas delas mulleres e traballadoras en sectores especialmente precarizados. A redución da xornada é unha cuestión de xustiza social, igualdade, saúde, produtividade e sustentabilidade ambiental.

    A experiencia amosa que traballar menos horas mellora a saúde física e mental, permite dispoñer de máis tempo de vida e de conciliación corresponsable e contribúe a incrementar a produtividade. Ao mesmo tempo, favorece un reparto máis equitativo da riqueza e impulsa un modelo laboral asentado na calidade e no respecto polo medio ambiente.