Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 18 Setembro 2025.

18 de setembro - Día Internacional da Igualdade Salarial

    En 2019, a Asemblea Xeral da ONU proclamaba o 18 de setembro Día Internacional da Igualdade Salarial pois, sendo un tema fundamental no ámbito laboral, era patente que todos os intentos lexislativos previos non deran froito na consecución de salarios iguais por traballos iguais, moito menos por traballos equivalentes ou de igual valor. A reivindicación debía ser, ademais, internacional porque detrás da fenda salarial séguese a alzar con forza a precariedade laboral e, en especial, a pobreza feminina.

    15/09/2025.
    Día Internacional pola Igualdade Salarial

    Día Internacional pola Igualdade Salarial

    Detrás da diferenza nos salarios escóndense as diferenzas estruturais asentadas na división sexual do traballo que, pola súa vez, se desenvolve a partir do irmandamento do capitalismo coa sociedade patriarcal. Ende mal, ese patriarcado androcéntrico segue ben arraigado no inconsciente colectivo, así que a importancia desta reivindicación hoxe volve ser enxordecedora, tendo en conta os lentos avances na igualdade salarial, freados agora polas reforzadas ideoloxías e políticas de extrema dereita, cuxos discursos de odio e antifeministas avogan pola volta das mulleres ao eido doméstico dos coidados e reclaman a eliminación de moita da lexislación en prol da igualdade, tamén da salarial (en España, pretenden eliminar o RD 901/2020 e o RD 902/2020, ambos centrados na igualdade laboral e retributiva no seo das empresas). 

    CCOO segue demandando a aplicación deses regulamentos, insistindo na importancia de que as empresas cumpran co rexistro retributivo anual co fin de advertir e modificar as posibles fendas de sexo nos salarios. Tamén participamos activamente na negociación dos plans de igualdade nas empresas coa ferramenta específica da auditoría retributiva, que serve ao mesmo propósito: atopar fendas discriminatorias para poder igualalas.

    Así e todo, as estatísticas anuais recollidas no Informe de 2025: Unha cuestión de xustiza social: erradicar a fenda salarial en Galicia desde o feminismo sindical (elaborado pola Secretaría de Mulleres, Igualdade e Políticas LGTBIQA+ e o Gabinete de Igualdade do S. N. de Galicia) seguen amosando un panorama no que esa igualdade laboral pende dunha fenda que se situaba en 2024, en Galicia, arredor do 22 %. O informe faise eco de que, malia ser lixeiro, o retroceso da fenda de xénero no mercado laboral galego evidencia que a defensa sindical dunha política laboral antidiscriminatoria desde a negociación colectiva e os plans de igualdade, a reforma laboral e a normativa vixente promoven unha mellora constante; queda demostrado que, grazas á transparencia salarial requirida nesa lexislación, gañamos todas as persoas en dereitos laborais.

    CCOO, como organización feminista máis ampla do Estado, ten un compromiso firme coa defensa da igualdade entre mulleres e homes no mercado laboral e na vida, por iso, coma cada ano, unímonos á reivindicación deste día para lembrar que a nosa presenza forte e decidida na negociación colectiva, materializada neses plans de igualdade, está a ser a vía de aceleración definitiva na erradicación da fenda salarial actual.

    Así, este 18 de setembro, as CCOO volvemos unirnos á consigna en prol da igualdade salarial para as mulleres. 

    A loita sindical das CCOO sempre camiña cara á consecución real e material da igualdade entre as persoas traballadoras.

    O feminismo sindical de CCOO transforma!

    #AfiliadasXuntasFortes!Combatendo a discriminación de xénero!