Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 6 Outubro 2025.

23 de setembro - Día Internacional da Bisexualidade

    Desde 1999, as persoas bisexuais teñen o mes de setembro como referente para facer as súas reivindicacións en prol dunha visibilidade que, historicamente, lles custaba resaltar dentro das demandas xerais dos colectivos LGTBIQA+.

    23/09/2025.
    23 de setembro, Día Internacional da Bisexualidade

    23 de setembro, Día Internacional da Bisexualidade

    CCOO, na súa loita por deconstruír vellos discursos e narrativas limitadoras da liberdade das persoas, tamén reivindica a faceta sexual desa liberdade.

    Ao promovermos a efectividade dos dereitos humanos fundamentais, defendemos tamén os dereitos que brotan directamente deles; un moi importante é o dereito á liberdade sexual.

    Porque, por desgraza, as persoas bisexuais aínda viven sumidas nunha discriminación múltiple asentada, especialmente, no descoñecemento pero, sobre todo, na patriarcal división sexual da sociedade, que non só actúa sobre o traballo, senón tamén no eido social. 

    Así, no Día Internacional da bisexualidade (ou da visibilidade da bisexualidade), reivindicamos para este colectivo seguridade e saúde no traballo e na vida desde o respecto á lexislación actual e desde a empatía, para que as súas vivencias reciban o mesmo trato que as do resto de persoas, sen medo a represalias ou acosos por mor da súa orientación sexual. 

    Por todo isto, CCOO reivindica espazos de traballo onde as persoas bisexuais gocen, en igualdade de condicións, de todos os dereitos, tamén o de expresarse de maneira libre e non discriminatoria, sen sufriren acoso ou violencia, isto é, avogamos por postos de traballo libres de prexuízos patriarcais.

    Así, CCOO une hoxe a súa voz de reivindicación por un mundo empático, inclusivo e respectuoso con todas as persoas que o compoñen.

    A loita sindical das CCOO sempre camiña cara á consecución real e material da igualdade entre as persoas traballadoras.

    O feminismo sindical de CCOO transforma!

    #AfiliadasXuntasFortes!Combatendo a discriminación de xénero!